Medio Ambiente adxudica por máis de 70.000 euros as obras de mellora e humanización de dúas prazas en Rairiz de Veiga

A actuación, cun prazo de execución de tres meses, centrarase no núcleo principal do municipio, co fin de acondicionar os espazos públicos que rodean á Casa do Concello e algúns dos edificios públicos máis importantes para o municipio

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar por un orzamento de 72.503,38 euros as obras de humanización e mellora de varias prazas públicas no concello ourensán de Rairiz de Veiga.

Cun prazo de execución previsto de tres meses, os traballos centraranse no núcleo de Rairiz, capital do municipio, e máis concretamente nas dúas prazas principais, localizadas na contorna dalgunhas das infraestruturas e edificios públicos máis relevantes como a Casa do Concello, o centro de saúde, o centro de día, a gardería e o colexio Antonio Vázquez.

Os traballos a acometer consistirán en rexenerar e pavimentar estas zonas en función do estado actual que presentan, mellorar os acabados, e renovar as infraestruturas de abastecemento ca instalación de novas tubaxes ou arquetas. Tamén se construirán beirarrúas para facilitar a tránsito dos peóns e o achegamento das infraestruturas urbanas aos veciños, creando espazos públicos que dean resposta ás súas necesidades actuais, e mellorarase tamén a zona de aparcamento, na que se renovará o pavimento.

En definitiva, a intervención sobre ambas prazas xustifícase co fin de dotar ao municipio dun equipamento de infraestruturas mínimo e acorde ás necesidades da veciñanza, para mellorar a súa calidade de vida e benestar ao tempo que se fomenta a conservación

Cómpre lembrar que a actuación adxudicada en Rairiz de Veiga cofinanciarase en virtude dun convenio de colaboración asinado no seu día entre a Consellería e o Concello no marco do chamado Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para colaborar coas entidades locais en diferentes tipos de proxectos urbanísticos de carácter municipal.

Así, na última década e só con cargo ao devandito plan, a Consellería ten executado ou comprometido un total de 317 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos, actuacións que suporán a mobilización de 148,96 millóns de euros.

Esta liña de colaboración ten continuidade tamén en 2021, un ano no que os orzamentos do departamento autonómico reservan máis de 7,4 millóns de euros a obras destinadas a crear ou mellorar equipamentos municipais, así como á humanización das contornas urbanas. De feito, esta mesma semana deuse a coñecer a relación dos 39 concellos —14 da provincia de Ourense— que resultaron beneficiarios da orde de axudas convocada o pasado 8 de marzo para financiar equipamentos municipais en localidades de menos de 20.000 habitantes.

Data de actualización: 02/05/2021