A Xunta convoca as axudas de 2021 para impulsar novas plantacións de lúpulo, mellorar as xa existentes e adquirir maquinaria para mecanizar estes cultivos

O DOG publica hoxe a orde que contempla máis de 45.000 euros de investimento ao abeiro destas achegas

O obxectivo é garantir o futuro do sector do lúpulo, adecuando a produción á demanda da industria para unha maior rendibilidade dos produtores

Os interesados deberán solicitar estas subvencións de xeito telemático, no prazo dun mes a contar dende mañá
 

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que convoca as axudas de 2021 para o sector do lúpulo. En concreto, a Xunta investirá 45.673 euros para impulsar novas plantacións, mellorar as xa existentes e adquirir maquinaria específica coa que poder mecanizar este tipo de cultivos. O obxectivo da convocatoria é garantir o futuro do sector do lúpulo, apostar pola recuperación da superficie deste cultivo e adecuar a produción á demanda da industria, para garantir a súa permanencia e a maior rendibilidade dos produtores.

Para beneficiarse das axudas que buscan promover novas plantacións de lúpulo ou reconverter e mellorar as xa existentes, os particulares ou agrupacións -inscritos no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga)- deberán adquirir algunha das 11 variedades recomendadas na orde que publica hoxe o DOG e manter eses cultivos obxecto de axuda durante un período mínimo de cinco colleitas dende a concesión da subvención. No caso de reconversión varietal, debe elixirse unha variedade distinta da plantación substituída, de maneira que se consiga unha mellora da calidade da produción e a adaptación ao cambio climático. Así mesmo, haberá que presentar e cumprir un plan de mellora para a explotación. En ambos casos, ademais, deberase comunicar inmediatamente á autoridade competente, a finalización da execución das medidas aprobadas.

Entre as accións subvencionables neste punto, ademais da adquisición do material vexetal ou dos investimentos para a reconversión varietal, inclúese a compra e instalación de estruturas de soporte e guiado do cultivo, así como a implantación de sistemas de rega máis eficientes.

No tocante ás axudas para a adquisición de maquinaria específica, poden solicitalas particulares con experiencia na actividade agraria ou que conten cun nivel de capacitación profesional suficiente e presenten un proxecto viable desde o punto de vista técnico e económico. Tamén poden acollerse a elas as cooperativas, sociedades agrarias de transformación (SAT), asociacións de produción integrada en agricultura (Aprias) ou outro tipo de agrupacións que teñan unha superficie cultivada de lúpulo que faga viable a adquisición dos equipos. Neste sentido, será subvencionable a compra de maquinaría agrícola e equipos específicos para o coidado, tratamento, recolección, pelado, secado e prensado do lúpulo, así como de grupos de presión para a posta en práctica dunha rega sustentable. Tamén se poderá pedir axuda para adquirir máquinas ou instrumentos de modernización e mellora dos sistemas de secado da flor do lúpulo xa existentes, así como para a súa instalación. Cabe engadir que ditas máquinas e equipos deberán ser novos e de primeira inscrición.

Nesta segunda liña de axudas deberán cumprirse unha serie de obrigas, como ter un contrato para a comercialización do lúpulo en vigor e presentar unha memoria do plan de viabilidade que xustifique a necesidade desa maquinaria que se vai mercar. Así mesmo, deberanse manter as máquinas subvencionadas en uso e propiedade do beneficiario por un período mínimo de cinco anos e os que realicen traballos agrícolas a terceiros deberán dedicar un mínimo do 75% das súas horas anuais de funcionamento a explotacións alleas aos titulares da sociedade. A maiores, a explotación de lúpulo deberá estar inscrita no Reaga e, no caso de cooperativas, de sociedades agrarias de transformación (SAT) ou doutras agrupacións agrarias, os seus socios ou membros deben ser titulares de, polo menos, tres das devanditas explotacións.

Prazo

Os interesados teñen un mes de prazo para solicitar estas axudas a contar dende mañá, día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes deberán presentaranse obrigatoriamente de xeito telemático a través da sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal.

Por último, cómpre lembrar que os concellos onde tradicionalmente se produce lúpulo en Galicia sitúanse na parte setentrional da provincia da Coruña, segundo o Plan de rexionalización produtiva.


Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210503/AnuncioG0426-210421-0004_gl.html
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/05/2021