O presidente do Goberno galego visitou hoxe as obras da primeira fase de ampliación

A Xunta inicia as obras do Hospital Público Gran Montecelo co obxectivo de que estean rematadas entre finais de 2023 e principios de 2024, un ano antes do previsto

Feijóo subliña que co inicio da 1ª fase, dotada con 134 millóns, comeza a materializarse a ampliación dun hospital que atenderá as necesidades asistenciais da poboación de 26 concellos -máis de 300.000 habitantes-, nos próximos 50 anos

Precisa que estas obras completaranse cunha segunda fase, que implicará a reforma das instalacións xa existentes

Resalta que o novo Gran Montecelo contará con case 140.000 metros cadrados, é dicir, cun 74% máis de superficie
 

Pontevedra, 3 de maio de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que a Xunta traballará para reducir nun ano sobre o previsto o prazo de execución das obras do Hospital Público Gran Montecelo, co fin de que estean rematadas entre finais de 2023 e principios de 2024, pasando dos 42 meses de execución previstos aos 30.

Durante unha visita ás obras, Feijóo subliñou que co inicio desta primeira fase comeza a materializarse a ampliación dun hospital que atenderá as necesidades asistenciais da poboación de 26 concellos -máis de 300.000 habitantes-, nos próximos 50 anos, mellorando unha atención hospitalaria que actualmente se presta en tres edificios separados: o Centro de especialidades de Mollabao, o Hospital Provincial e o Hospital Montecelo.

Cun investimento de 134 millóns de euros, o titular do Executivo galego precisou que esta fase suporá a ampliación en 91.000 metros cadrados do hospital actual, coa construción de dous edificios de 5 plantas, así como un novo edificio de hospitalización. Así, no edificio dianteiro situaranse as consultas externas que englobarán, entre outros servizos, as consultas de hematoloxía, medicina preventiva, cardioloxía ou dixestivo; e, no edificio traseiro estarán as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica e os laboratorios, entre outras dependencias.

Logo de precisar que estas actuacións completaranse cunha segunda fase que implicará a reforma das instalacións xa existentes, Feijóo subliñou que o novo Gran Montecelo contará con case 140.000 metros cadrados, é dicir, cun 74% máis de superficie, o que permitirá: incrementar o número de camas ata chegar as 720 -120 máis-; aumentar a 162 os postos do hospital de día; os postos de urxencias contarán con 117 unidades -un 92% máis que agora-; e o número de quirófanos chegará aos 20.

En relación ás melloras da área de Pediatría, resaltou: unha nova UCI; unha nova unidade de traballo, parto e recuperación do bloque obstétrico; unha nova área de medicina nuclear; e a creación dun espazo único para as unidades de endoscopia multidisciplicar e diagnóstico biolóxico. “E actuaremos ademais no exterior do hospital -engadiu-, reorganizando a urbanización para dar acceso aos tráficos”.

Ao longo da súa intervención, Feijóo recordou que esta ampliación non é unha actuación illada, senón que é a culminación dunha serie de melloras acometidas na sanidade pública pontevedresa nos últimos anos, coa a implantación da resonancia magnética no Montecelo, a reforma da unidade de neonatos do Hospital Provincial de Pontevedra, ou as melloras dos equipamentos tecnolóxicos tanto no Montecelo como no Hospital do Salnés, entre outros aspectos.

Así mesmo, resaltou que co inicio destas obras dáse un paso máis no proceso de renovación integral do Servizo Galego de Saúde. Non en van, ademais do Gran Montecelo, na Coruña estase xa a construír un novo hospital público, cun primeiro edificio de 13 millóns e cun proxecto total que ascende a 430 M€. En Ferrol está en marcha, por máis de 130 millóns, o plan director para a renovación e ampliación do Arquitecto Marcide; en Ourense está prevista a inmediata licitación dunha nova fase do plan director do CHUO, que sumará máis de 50 millóns aos 43 millóns xa investidos na primeira fase; e en Santiago licitarase de forma inmediata a obra de ampliación do CHUS.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 03/05/2021