O Diario Oficial de Galicia publica a oferta pública de emprego de Sanidade para 2021 que inclúe un total de 1.215 prazas

A oferta de persoal estatutario é de 1.203 prazas, que esgotan a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada pola lexislación básica do Estado, que é do 110 por cento

Esta nova oferta engádese ás aprobadas de xeito continuo dende o ano 2012, e que suman un total de 8.112 prazas neste período

Máis da metade das prazas reforzarán a categoría de enfermaría e as súas especialidades con 648 prazas

Das 65 prazas ofertadas para o colectivo de persoal licenciado sanitario, 60 corresponden á categoría médico de familia

Con esta oferta de emprego, o departamento sanitario galego dá resposta ás necesidades asistenciais e organizativas identificadas como prioritarias polo Sergas

O Diario Oficial de Galicia publica tamén a OPE de persoal funcionario de saúde pública, cun total de 12 prazas, que reforzarán a inspección sanitaria

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a oferta pública de emprego do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o presente ano, que inclúe un total de 1.203 prazas. Con esta oferta, a Comunidade Autónoma galega esgota a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada pola lexislación básica do Estado, que é do 110 por cento.

A nova oferta de prazas do departamento sanitario galego engádese ás aprobadas por este organismo de xeito continuo desde o ano 2012, o que supón, no total do período, de 8.112 prazas.

O obxectivo é dar resposta ás necesidades asistenciais e organizativas identificadas como prioritarias polo Servizo Galego de Saúde, con especial atención aos ámbitos asistenciais cunha maior demanda de efectivos, e de necesario reforzo no actual contexto de crise sanitaria derivada da pandemia da covid, como a medicina de familia e, principalmente, enfermaría e as súas especialidades.

648 prazas para enfermaría e as súas especialidades

O total de prazas ofertadas para o colectivo de persoal licenciado sanitario é de 65, das cales 60 corresponden a médico de familia. Así mesmo, no que atinxe ao colectivo de persoal sanitario diplomado e de formación profesional, o total de prazas que se oferta é de 686. Destas, 604 corresponden á categoría de enfermaría, unha cantidade que sumada ás 466 incluidas nos decretos de 2019 e 2020, permitirán desenvolver un proceso selectivo para a cobertura de 1.070 prazas desta categoría.

Con esta oferta, continúase a impulsar a progresiva dotación de prazas e a incorporación de persoal fixo das especialidades de enfermaría, coa aprobación de 44 novas prazas das especialidades de saúde mental, familiar e comunitaria, pediátrica, e obstétrico-xinecolóxica.

Cómpre remarcar, así mesmo, que se ofertan cinco prazas para a categoría de técnico superior en dietética, categoría recentemente creada polo Servizo Galego de Saúde.

Ademais, reforzarase o emprego fixo nas categorías de persoal de xestión e servizos, cun total de 452 prazas, entre elas, 220 para celador, 155 para o grupo auxiliar da función administrativa, e 18 para traballadores sociais.

Sinalar, así mesmo, que o sistema selectivo será o de concurso-oposición, e respectará os principios de libre concurrencia, igualdade, mérito e capacidade.

Do total de prazas, reservaranse un total de 61 delas para o acceso a persoas con discapacidade xeral, e 25 con discapacidade intelectual, así como as correspondentes para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

Nos mesmos termos que no decreto de oferta do ano anterior, inclúese a previsión expresa de que os baremos de méritos dos procesos selectivos das categorías/especialidades de medicina deberán incluír unha puntuación específica que valore a prestación de servizos en hospitais comarcais ou centros de saúde illados.

Esta oferta pública de emprego súmase a outras medidas adoptadas pola Consellería de Sanidade para dar estabilidade aos profesionais como son, o Plan de estabilidade do emprego e provisión de prazas de persoal estatutario do Sergas, aprobado en Mesa Sectorial en marzo de 2017, e o nomeamento de continuidade para médicos de familia e pediatras de atención primaria, aprobado en Mesa Sectorial en xaneiro de 2019.

Oferta para persoal sanitario funcionario

No mesmo Diario Oficial, tamén se publica a oferta de emprego público para o presente ano correspondente a diversas clases de persoal funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria, que supón un total de 12 prazas que, sumadas ás ofertadas nos anos 2018, 2019 e 2020, permitirán a incorporación de preto de 100 profesionais no ámbito da inspección sanitaria e a saúde pública. Esta oferta esgota a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada polo Estado.

A oferta, que reforzará áreas prioritarias como a inspección sanitaria e a saúde pública, concrétase nas clases de inspector médico (3 prazas); farmacéutico inspector de saúde pública (6 prazas); e subinspector sanitario (3 prazas).

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 03/05/2021