A Xunta expón a súa estratexia de innovación no foro ‘Innovar ou desaparecer’ organizado por Cesuga

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, sinalou que o orzamento do Goberno galego nesta materia para o 2021 elévase a 227,5M€, un 60% máis que en 2009, o ano de maior bonanza antes da anterior crise

Reclamou, ademais, un esforzo coordinado entre os sectores público e privado en materia de innovación para aproveitar as oportunidades derivadas do impulso a un modelo económico mais baseado no coñecemento e dos fondos para a recuperación da crise sanitaria

A Coruña, 3 de maio de 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta maña no foro Innovar ou desaparecer, organizado por Cesuga, e no que participaron empresas e emprendedores con experiencia en innovación. Ante eles expuxo a aposta decidida da Xunta de Galicia pola innovación como un instrumento de primeira orde para avanzar cara a un modelo económico máis resiliente con maior valor engadido.

Patricia Argerey indicou que Galicia elevou na última década a prioridade da investigación e a innovación no conxunto das políticas da Xunta, cun orzamento destinado a este capítulo que acadou os 227,5M€ neste exercicio 2021, o que constitúe un 60% máis de recursos investidos que no ano 2009, o de maior bonanza antes da anterior crise, que tivo un gran impacto, fundamentalmente, en termos de contracción do investimento empresarial en I+D.

Neste sentido, malia que queda moito camiño por percorrer, o sistema galego de innovación experimentou unha gran transformación na última década, grazas, por unha banda, á Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia e por outra ao impulso dos mecanismos de colaboración e innovación aberta e á posta en marcha de instrumentos singulares, algúns pioneiros en España, coma é o caso da compra pública innovadora (CPI), na que Galicia segue a ser líder no conxunto do Estado.

Unha ferramenta imprescindible para entender a política de investigación e innovación foi a RIS3 Galicia 2014-2020, que marcou un antes e un despois para a innovación galega, amosándose como unha ferramenta moi eficaz e que levou a Galicia, sobre todo, a apuntar cara a especialización, “desde o convencemento de que é imprescindible identificar aqueles proxectos ou sectores nos que Galicia ten maior potencial innovador e concentrar os esforzos e recursos económicos neles, para convertelos en referencia.”

Neste sentido, Patricia Argerey puxo como exemplo o Polo Aeroespacial de Galicia, unha iniciativa pioneira en Europa, que ten coma obxectivo atraer investimentos ao sector aeroespacial e desenvolver unha industria de sistemas e de vehículos non tripulados orientados á prestación de servizos públicos no ámbito civil. Nesta experiencia, cobra unha singular importancia a compra pública innovadora, que permite compartir o risco da innovación coas empresas, ademais de mellorar os servizos públicos.

Tamén salientou a importancia de fortalecer o ecosistema de innovación galego, polo que boa parte dos esforzos da Administración galega se dirixen ao mesmo. “Porque a innovación non se entende sen a colaboración entre as empresas e os centros de coñecemento.” Neste sentido, cobra especial importancia a transferencia de coñecemento, con diferentes actuacións integradas no programa Ignicia, que agrupa as diferentes actuacións da Xunta de Galicia para promover a transferencia de resultados da I+D xerada nos centros de coñecemento galegos cara o tecido produtivo.

Así mesmo, a directora de Gain puxo de relevo os cambios que está a experimentar o mundo coa pandemia da covid-19 e recordou que toda crise pode traer aparelladas oportunidades, o que exixe un esforzo coordinado en materia de innovación nos sectores público e privado. Neste sentido, a Axencia Galega de Innovación recordou que, tal e como anunciou a semana pasada o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a Axencia manterá aberta ata o 31 de maio unha manifestación de interese que impulsará a localización de novos centros de I+D+i en Galicia no marco da reconstrución económica.

Así mesmo, Argerey apuntou os diferentes retos que Galicia ten por diante para afondar nun modelo económico máis baseado no coñecemento: “que as empresas gañen tamaño para diminuír as barreiras á innovación; xerar dimensión no ecosistema; manter o esforzo investidor privado e incrementar o público; internacionalizar a nosa I+D+i; e, por suposto, aproveitar os fondos europeos, identificando proxectos innovadores estratéxicos, capaces de orientar a Galicia do futuro”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/05/2021