A Sociedade impulsora nace co obxectivo de contribuír á maduración dos proxectos estratéxicos para Galicia

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e os conselleiros de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, e do Medio Rural, José González, participaron esta mañá na reunión constitutiva

O Consello de Administración -presidido por Francisco Conde e cuxo vicepresidente é o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas- está formado por nove membros

Cun capital social de 5M€ que achegan a Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama, a Sociedade está aberta á entrada de novos socios

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e os conselleiros de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, e do Medio Rural, José González, participaron esta mañá na reunión constitutiva da Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos de Galicia. Así, este instrumento contribuirá, por exemplo, á maduración das iniciativas da candidatura galega agrupadas arredor do Polo para a Transformación de Galicia.

Este Polo, co que se prevé mobilizar máis de 3.000M€ nos tres primeiros anos, conta con oito iniciativas que nos poden permitir empezar a producir hidróxeno verde, dispoñer dunha planta para converter a celulosa en fibras téxtiles, poñer en funcionamento un centro de xeración de biogás a partir do tratamento de residuos, expandir as enerxías renovables, e impulsar a dixitalización industrial.

A Sociedade centrarase, polo tanto, naquelas iniciativas con capacidade de transformación sectorial e cun alto impacto sobre a produtividade, o emprego e o territorio e que xerarán un efecto arrastre sobre todo o tecido produtivo co obxectivo de impulsar a transformación dixital e ecolóxica na Comunidade.

Entre as súas prioridades estará incidir na capilaridade e no efecto multiplicador destes fondos promovendo que as pemes estean no centro da estratexia. Axudará na busca de futuros investidores que contribúan ao desenvolvemento de proxectos e prestará servizos de asesoramento para garantir a presentación e consolidación de novas iniciativas empresariais, como apoio xurídico, económico, administrativo, comercial, industrial e de xestión e dirección. A sociedade, de carácter impulsor, avaliará os proxectos de acordo co seu impacto nas cadeas de valor dos sectores produtivos.

Trátase, pois, dun novo actor que contribuirá a dar impulso á candidatura galega aos fondos Next Generation que, neste momento, abrangue un total de 354 iniciativas que poderían chega a mobilizar un investimento de 20.000M€ e que se apoia en tres principios rectores; involucrar as pemes, facer da I+D+i un elemento transversal e fomentar a colaboración público-privada.

Cun capital inicial de 5M€, dos que a Xunta achega un 40%, Abanca un 38%, Reganosa un 12% e Sogama un 10%, está aberta á entrada de novos socios. O Consello de Administración está formado por nove membros. A presidencia corre a cargo de Francisco Conde; o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, será o vicepresidente; como conselleiros da sociedade figuran os conselleiros do Goberno galego Valeriano Martínez e José González; o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas; o secretario do Consello de Administración e director xeral de Goberno Corporativo e Asuntos Legais de Abanca, José Eduardo Álvarez-Naveiro; o ex-presidente da Xunta e catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, Fernando González-Laxe; e o tamén catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo, Santiago Lago Peñas. O secretario será o responsable de Asesoría Xurídica de Abanca, Eduardo Cortizo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/05/2021