A Xunta recibe 13 ofertas para executar as obras de mellora do abastecemento de Teixeiro e do polígono industrial de Curtis, que suporá un investimento de máis de 2,6 millóns de euros

Trátase da nova captación de auga para o abastecemento e da ampliación da estación de tratamento de auga potable que servirá a unha poboación de preto de 5.200 habitantes no ano horizonte 2042

Executarase unha nova captación e bombeo desde o encoro da Castellana, que permitirá captar 80/litros por segundo

A intervención completarase cunha nova tubaxe de impulsión, de 3.600 m de lonxitude, entre o edificio de bombeo e a depuradora actual do parque empresarial

Augas de Galicia destinará ás actuación un investimento de arredor de 2,2 millóns de euros e o Concello contribuirá con 500.000 euros

O departamento que dirixe Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2021

A Xunta vén de recibir un total de 13 ofertas para executar as obras de mellora do abastecemento de Teixeiro e do polígono industrial de Curtis, licitadas por máis de 2,6 millóns de euros.

Con esta actuación resolverase o abastecemento de varios núcleos rurais que agora mesmo non contan con este servizo e mellorarase o abastecemento do centro urbano e do polígono industrial de Curtis-Teixeiro.

As obras definidas no contrato licitado prevén levar a cabo a execución dunha nova captación e bombeo desde o encoro da Castellana, que permitirá captar 80/litros por segundo.

A actuación completarase cunha nova tubaxe de impulsión, de 3.600 metros de lonxitude, entre o edificio de bombeo e a estación de tratamento de auga potable existente no polígono industrial de Curtis.

Ademais, procederase á ampliación da potabilizadora, o que permitirá incrementar a súa capacidade ata os 80 l/s e mellorar substancialmente, tanto o filtrado da auga como o seu tratamento.

Coa mellora proxectada servirase unha poboación de preto de 5.200 habitantes no ano horizonte 2042, ademais da demanda do polígono industrial e do centro penitenciario da localidade.

Convenio de colaboración

Esta actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Curtis, para impulsar a execución das obras da nova captación de auga para o abastecemento e ampliación da estación de tratamento de auga potable no núcleo de Teixeiro, no concello de Curtis.

Segundo recolle o convenio de cooperación, a Xunta achegará ás intervencións proxectadas un investimento de 2,2 millóns de euros, e o Concello 500.000 euros, o que suporá un investimento conxunto de 2,7 millóns de euros.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

Data de actualización: 03/05/2021