O conselleiro de Educación pacta novas garantías coas organizacións sindicais

A Xunta acorda cos sindicatos unha mellora nas condicións dos traballadores do servizo de transporte escolar

Increméntanse as prestacións para que todos os traballadores gocen das mesmas condicións, realicen o traballo de forma directa, subrogada ou subcontratada

O obxectivo é blindar as condicións laborais de todas as persoas que prestan este servizo, de tal forma que o seu incumprimento poida levar a resolver o contrato

É o primeiro paso na reformulación do novo contrato deste servizo, tendo en conta as alegacións recibidas

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e os representantes da organizacións sindicais UGT (Eladio Antonio Romero Ares), CIG (Xesús Mª Pastoriza Santamarina) e CCOO (José Raúl Rodríguez Vila) asinaron hoxe un acordo para a mellora nas condicións dos traballadores do transporte escolar.

Este é o primeiro paso na reformulación do novo contrato de licitación de transporte escolar, que está sendo obxecto de melloras por parte da Consellería en base ás alegacións recibidas e coa finalidade de ofrecer a mellor calidade no servizo.

O obxectivo do acordo asinado hoxe é blindar as condicións laborais de todas as persoas que prestan este servizo. Así mesmo, increméntanse as garantías para que todos os traballadores gocen das mesmas condicións, independentemente de se realizan o traballo de forma directa, subrogada ou subcontratada.

Obrigas esenciais

Entre outras melloras, o acordo establece que o novo contrato incluirá novas obrigas contractuais esenciais, cuxo incumprimento poderá dar lugar a resolver o contrato. Entre elas destaca que o contratista deberá velar por que as condicións de traballo (xornada e salario, fundamentalmente) non sexan inferiores ao convenio colectivo que lle resulte aplicable, e que deberá aboar ao longo de toda a execución do contrato o salario recollido no mesmo.

Así mesmo, en relación á estabilidade do persoal, sinálase que a empresa adxudicataria terá que empregar na execución do contrato unha porcentaxe de traballadores fixos igual ou superior ao 20% do total de persoal.

Por outra parte, especifícase que o contratista deberá cumprir a Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e deberá elaborar, negociar e aplicar no prazo máximo dun ano desde a sinatura do contrato un plan de igualdade.

Actualización dos custes

Outros aspectos sociais e laborais que se mellorarán nos pregos pasan pola actualización das contías empregadas para o cálculo dos custos de persoal, que atenderán a cada un dos convenios colectivos de transporte de viaxeiros por estrada actualizados a 2021; polo establecemento dun mínimo de xornada diaria (catro horas para o persoal condutor e dúas horas para o persoal acompañante); ou polo establecemento dunha valoración nas ofertas económicas en relación coa implantación de plans de formación profesional das persoas traballadoras.

Ademais, aplicarase o Acordo Marco galego do sector para reforzar as garantías dos traballadores subrogados, e o adxudicatario poderá solicitar da administración a revisión das condicións do contrato no caso de que por sentenza firme se produzan incrementos dos custes laborais derivados das condicións de subrogación.

Información aos sindicatos

O acordo establece que a información do persoal que se subrogue, que a empresa adxudicataria saínte debe facilitar á empresa entrante, debe ser tamén posta a disposición de todas as organizacións sindicais.

Así mesmo, e con carácter xeral, o adxudicatario do servizo deberá presentar á Administración, representantes legais dos traballadores e asociacións sindicais máis representativas o cadro de persoal que vai adscribir á prestación do mesmo e as súas dedicacións, así como comunicar calquera modificación ao respecto.

A maiores, constituirase unha Comisión de seguimento que garanta e vele polo cumprimento de todas as condicións contractuais, e que estará integrada por representantes de cada unha das asociacións sindicais asinantes deste acordo.

Servizo de acompañamento

No relativo ao servizo de acompañamento, establécense maiores garantías de estabilidade laboral do persoal acompañante, especificando de forma explícita que no caso de ser necesario subcontratar o servizo, as condicións destes acompañantes serán as mesmas que as dos contratados directamente pola empresa.

Ademais, no caso de subcontratación a empresas de traballo temporal, o contratista principal queda obrigado a impoñer á empresa de traballo temporal idénticas condicións para os seus traballadores. Así mesmo, a Administración asume o compromiso de dar traslado á Inspección de Traballo e á Seguridade social de calquera incumprimento a este respecto.

Por outra banda, establécese que a empresa adxudicataria deberá garantir a axeitada preparación e formación deste persoal.

Limitación das baixas temerarias e penalidades

Por outra banda, o acordo limita as baixas temerarias. Neste sentido, non se admitirá unha baixa cuxa xustificación se base, total ou parcialmente, en supoñer un volume de gastos de persoal inferior ao previsto para os correspondentes lotes ou contratos, ou en hipóteses dese tipo.

O acordo fixa tamén que se incrementarán as penalidades aos adxudicatarios que incumpran o prego de contratación, sinalando como incumprimentos moi graves os atrasos reiterado no pago dos salarios ou a aplicación de condicións salariais inferiores ás derivadas dos convenios colectivos e condicións de subrogación.

Tamén se considerarán como graves o incumprimento das condicións laborais de execución, así como das obrigas esenciais que non sexan causa directa de resolución do contrato.

Continúa a mellora do contrato

O acordo asinado hoxe recolle melloras e axustes sobre a primeira licitación do novo contrato de transporte escolar, un traballo técnico inicial de gran complexidade e realizado en plena pandemia a pesar das limitacións.

En calquera caso, a Consellería continúa a traballar na mellora do prego de contratación, co fin de que o alumnado siga gozando do servizo de transporte escolar nas mesmas condicións que estes anos. Unha vez incorporadas todas as melloras, poderá reiniciarse o proceso.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/05/2021