A conselleira do Mar mantivo un encontro por videoconferencia co ministro do Mar de Portugal, que ostenta a Presidencia rotatoria da Unión Europea

Galicia traslada á Presidencia do Consello da UE a necesidade de flexibilizar o regulamento de control da pesca e a urxencia de pechar un acordo de cotas co Reino Unido

Así llo expuxo ao ministro do Mar de Portugal e presidente do Consello de Ministros de Pesca da UE nun encontro por videoconferencia para tratar os principais asuntos de interese do sector marítimo-pesqueiro galego

A titular de Mar defendeu o labor responsable que desenvolven a frota de baixura e o marisqueo galegos e apelou á sensibilidade do representante do Goberno de Portugal, un país cun importante sector pesqueiro e con características semellantes ás do galego

A comunidade confía en que se introduzan melloras na normativa durante os debates entre a Comisión Europea, a Eurocámara e o Consello Europeo

Rosa Quintana incide na necesidade de acadar un acordo sobre as cotas pesqueiras entre a Comisión Europea e o Reino Unido para dar seguridade xurídica e estabilidade ao sector tendo en conta os aspectos socioeconómicos

O Executivo galego pide que o fondo de compensación do brexit atenda tamén o impacto indirecto na frota así como o incremento dos seus recursos ata os 1.000 millóns de euros podendo empregar incluso contías non executadas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou hoxe ao ministro do Mar de Portugal -que ostenta a Presidencia rotatoria do Consello da Unión Europea-, Ricardo Serrão, a necesidade de que as autoridades europeas flexibilicen as medidas recollidas no futuro regulamento europeo de control da pesca así como a urxencia de acadar un acordo de totais admisibles de capturas (TAC) e cotas nas augas compartidas co Reino Unido co obxectivo de dar estabilidade e seguridade xurídica á frota.

A titular de Mar, que mantivo un encontro por videoconferencia co mandatario luso que preside o Consello de Ministros de Pesca da UE, defendeu o labor responsable que desenvolven a frota de baixura e o marisqueo galegos e lamentou a excesiva rigorosidade do texto da nova normativa de control, pois incide nunha actividade que está ben controlada ao desenvolverse preto da costa. Neste sentido, apelou á sensibilidade do representante do Goberno de Portugal, un país cun importante sector pesqueiro e con características semellantes ás do galego.

A representante do Executivo galego, que estivo acompañada pola secretaria xeral técnica da Consellería, Silvia Cortiñas, advertiu de que medidas introducidas no regulamento -como a instalación de cámaras a bordo, a xeolocalización ou o rexistro dixital das declaracións de desembarque- apenas supoñen melloras para o control da actividade e dificultan en gran medida a actividade dos profesionais do mar. Ademais, estas medidas supoñen cargas adicionais tanto para o sector como para os estados membros que, en moitos casos, poden ter dificultades para asumir.

Galicia defende que as novas ferramentas de control teñan en conta as características do sector e sexan acordes á súa realidade co obxectivo de que non xeren malestar e sexan entendidas polos profesionais da pesca e do marisqueo. Por iso, pide que se mellore o texto durante o proceso de negociación dos trílogos -os debates entre a Comisión Europea, a Eurocámara e o Consello Europeo- para contar cunha normativa adaptada á realidade da frota e que non castigue ao sector.

Brexit

Rosa Quintana e Ricardo Serrão abordaron tamén a situación derivada do brexit e a negociación das posibilidades de captura en augas compartidas co Reino Unido, un asunto no que Galicia considera necesario pechar un acordo o antes posible para dar seguridade xurídica e estabilidade á frota. A comunidade galega tamén ve fundamental ter en conta os aspectos sociais e económicos na fixación dos TAC e cotas, tal e como recolle a Política Pesqueira Común (PPC).

Neste sentido, a conselleira do Mar trasladou ao mandatario portugués o mal precedente que suporía vencellar o acordo co Reino Unido exclusivamente ás recomendacións científicas e apostou por avanzar nas negociacións de cara a 2026 blindando o mantemento do statu quo, acadando o acceso ás augas británicas a cambio da entrada do produtos do Reino Unido no mercado europeo.

A xuntanza tamén serviu para analizar o fondo de reserva de axuste do brexit, sobre o que Galicia defende a inclusión de compensacións para os efectos indirectos na pesca do divorcio entre a UE e o Reino Unido. A comunidade pide que se incorporen aspectos como o impacto en augas de terceiros países ou internacionais así como a menor rendibilidade derivada das dificultades para xerar intercambios.

Esta situación ten como orixe a cesión do 25% das cotas europeas ao Reino Unido ata 2026 a cambio do acceso a augas británicas durante só cinco anos e medio no marco do acordo sobre o brexit. A maiores, o Executivo galego defende que se amplíen os recursos do fondo destinado ao sector pesqueiros desde os 600 ata os 1.000 millóns de euros e que se poidan empregar os fondos non utilizados do actual Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) así como que a súa vixencia chegue, como mínimo, ata 2026.

Por último, a conselleira do Mar trasladoulle ao ministro do Mar luso a importancia de que na estratexia da Unión Europea sobre diversidade para 2030 recoñeza o papel do sector pesqueiro como elemento de sustentabilidade e conservación dos mares así como a transcendencia dos aspectos sociais e económicos da pesca e o seu papel na posta a disposición da cidadanía de alimentos de calidade.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 03/05/2021