A Xunta lanzará unha potente campaña de promoción para relanzar o sector turístico cando se recupere a mobilidade

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe a rodaxe do spot sobre o Xacobeo 21-22 “Camiña a Galicia” no marco dunha campaña destinada a atraer á comunidade a turistas e peregrinos en canto a situación sanitaria o permita

A Xunta leva meses traballando para fomentar a mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade para recuperar a confianza dos viaxeiros

Entre as medidas para reactivar o turismo galego destacan medidas como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia ou Elixe Galicia, o seguro coronavirus ou distintas liñas de axudas para reactivar o sector, entre elas o Plan de Rescate
 

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a rodaxe dun spot sobre o Xacobeo 21-22 “Camiña a Galicia” no marco dunha potente campaña de promoción do Goberno galego para relanzar o sector turístico cando a situación sanitaria permita recuperar a mobilidade.

A película promocional desenvolverá sete microhistorias en diferentes lugares do Camiño, tanto nas rutas máis coñecidas como noutras paraxes paralelas de recoñecido encanto turístico, e fará unha escolma tanto dos diferentes perfís de peregrinos que percorren o Camiño como do patrimonio natural, cultural e arquitectónico que se pode admirar no seu percorrido.

Alfonso Rueda avanzou a previsión de lanzar a campaña dentro dun mes, coincidindo coa “posibilidade real de facer o Camiño” logo dun ano de pandemia. Como recordou o vicepresidente primeiro, “a nova maneira de viaxar vai ter que ver co contacto coa natureza e cos espazos abertos e non masificados, e todo iso está no Camiño de Santiago”.

Durante a visita, Alfonso Rueda sinalou que a Xunta leva tempo traballando para paso a paso camiñar cara o mellor dos Xacobeos posibles, xa que se trata dun Ano Santo dobre que suporá o motor da reactivación do turismo galego e da economía da comunidade.

Así, lembrou que en canto á promoción, o Goberno galego nos últimos meses incidiu no fomento da mensaxe de Galicia como destino seguro, dando a coñecer a comunidade como un destino de calidade e confiable co obxectivo de recuperar a confianza dos viaxeiros en canto sexa posible maior mobilidade.

Para iso, a Xunta puxo en marcha tódalas actuacións necesarias para ter todo preparado de cara a este Xacobeo 21-22 coa posta a punto de tódalas rutas xacobeas e dos seus albergues, e con especial incidencia nas medidas de prevención ante á covid-19, tanto nestes aloxamentos como no conxunto dos establecementos turísticos.

Na aposta do Goberno galego por ofrecer aos turistas e peregrinos Galicia como un destino seguro e dar garantías aos visitantes, Alfonso Rueda anunciou que en breve se convocará o seguro coronavirus, dotado con 1,2 millóns de euros, co que se cubrirán os gastos sanitarios dos viaxeiros ante un caso de infección por covid-19 ou nos casos de corentenas por ser contactos estreitos.

O vicepresidente primeiro da Xunta reiterou o compromiso da Administración autonómica no apoio ao sector nestes meses difíciles polas consecuencias da pandemia a través de medidas como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, coa que se prevé inxectar 6,8 millóns de euros ao turismo galego. A iniciativa foi todo un éxito e nas 12 primeiras horas esgotáronse as tarxetas con 30 solicitudes por minuto. A Xunta aporta o 60% do importe de cada tarxeta e os beneficiarios o 40% restante, polo que agradeceu a implicación da cidadanía para botar unha man ao sector e tamén a administracións como as deputacións de Ourense e A Coruña que se sumaron ao programa.

Ademais, co programa Elixe Galicia que se reactivará a finais deste mes mobilizaranse outros 3 millóns de euros, neste caso mediante viaxes fóra de tempada alta dirixidas a distintos colectivos.

Con ambos programas acadaranse os 10 millóns de euros encamiñados á reactivación do turismo, ás que se suman outras liñas de axudas destinadas a distintos colectivos profesionais do sector como as axencias de viaxes e turoperadores (3,6 millóns de euros), os guías turísticos (170.000 euros) ou as organizacións profesionais de congresos (123.400 euros).

Os autónomos, microempresas deste sector, así como os negocios de hostalería pechados polas restricións sanitarias tamén puideron acollerse e beneficiarse das dúas convocatorias do Plan de Rescate da Xunta, cos que se levan mobilizados case 180 millóns de euros entre os 80 millóns da primeira convocatoria e os 75 da segunda, que vén de ampliarse noutros 21 millóns.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/05/2021