A Xunta apoia a dotación de equipamento do novo GES da Lama coa entrega dun camión destinado a todo tipo de emerxencias

O Goberno galego inviste case 200.000 euros neste vehículo tipo Bomba Rural Pesada totalmente equipado para intervir en incendios urbanos, forestais e industriais

A Xunta acordou coas deputacións provinciais e a Fegamp crear 5 novos GES en Galicia e un servizo municipal para mellorar a cobertura das emerxencias na comunidade, tres deles na provincia de Pontevedra en A Lama, A Cañiza e o de Mos/Redondela, cunha sede en cada concello

O investimento no funcionamento dos GES acada os 4,8 millóns este ano, aos que se suma o apoio en equipamento que nos últimos anos supuxo case 20 millóns de euros cedidos aos concellos galegos

A Lama (Pontevedra), 4 de maio de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe dun camión Bomba Rural Pesada (BRP) ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Lama, dotando así de equipamento a este novo grupo creado este ano coa finalidade de mellorar a eficacia nas súas intervencións e garantir a seguridade dos profesionais que o integran para que poidan realizar o seu traballo nas mellores condicións. No acto tamén participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo.

O novo vehículo cedido ao GES da Lama, cun custo de preto de 200.000 euros, dispón de tracción integral 4x4 e está totalmente equipado para acceder a todo tipo de zonas e intervir en incendios urbanos, forestais ou industriais. Por tanto, está adaptado para calquera actuación tanto en áreas urbanas como do rural. Ademais, conta cunha cisterna de auga de 3.000 litros de capacidade e unha bomba centrífuga con presión combinada, o que permite o lanzamento de auga en baixa e alta presión ou ambas de forma simultánea.

Alfonso Rueda destacou que o GES da Lama é un dos 6 novos servizos creados este ano no marco da Comisión de Seguimento dos GES co obxectivo de reducir os tempos de resposta en situacións de risco e continuar a mellorar o mapa de emerxencias que cubre o territorio galego. De feito, sinalou que a creación e posta en marcha dos GES supón un exemplo de coordinación entre administracións e, por iso, apelou a seguir colaborando coas deputacións provinciais e os concellos a través da Fegamp.

Tamén solicitou a implicación de todas administracións na dotación de equipamento aos servizos de emerxencia correspondendo ao traballo que desempeñan cada día para velar pola seguridade dos seus veciños. Aínda que se trata dunha competencia dos concellos e as deputacións, a Xunta colabora no funcionamento dos GES desde a súa creación en 2013, e este ano incrementa ata os 4,8 millóns de euros a contía destinada aos 29 GES e 4 servizos municipais da comunidade, o que supón máis da metade do seu custo total.

O Goberno galego destaca a importancia da labor dos GES na prevención dos lumes e como complemento aos servizos de emerxencias na súa extinción, Así, apoia tamén aos GES na dotación equipamento de emerxencias, con entregas como a de hoxe na Lama. Nesta liña, a Administración autonómica realizou nos últimos anos un importante esforzo para reforzar o equipamento dos servizos de emerxencias dos municipios –tanto os GES como as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil- cun investimento de case 20 millóns de euros.

A provincia de Pontevedra contará con 7 GES, aos que se incorporan 3 novos, este de A Lama –que abarca os concellos da Lama, Fornelos de Montes, Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade- xunto con outro en A Cañiza e o de Mos/Redondela, cunha sede en cada un dos dous municipios.

Ademais dos 3 novos GES en Pontevedra, a provincia de Ourense sumará 2 novos –un en A Veiga e outro en Maceda- e na provincia da Coruña vén de constituírse a semana pasada o servizo municipal de Noia, ao que a Xunta cedeu un camión tipo bomba rural lixeira.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/05/2021