A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou na inauguración da remodelación destas instalacións

A Xunta destinou 50.000 euros á reforma e rehabilitación do mercado municipal do Rosal

Inés Santé destacou que este labor enmárcase na “recuperación no mundo rural, na colaboración administrativa e no futuro verde”

O Rosal (Pontevedra), 4 de maio de 2021

A reforma e rehabilitación do mercado do municipio pontevedrés do Rosal contou cunha subvención de 50.000 euros dentro das axudas xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, para esta finalidade.

Grazas a estas achegas, levouse a cabo unha renovación integral no interior do edificio, incluíndo unha zona de escaleiras e estancia de planta alta. Ademais, remodeláronse os postos existentes, cambiando a súa distribución e modernizando as súas instalacións e renovouse a fontanería, saneamento e electricidade. A maiores, mellorouse a accesibilidade xeral e creouse unha zona de reciclaxe, un ecopunto e un novo posto de venda de pan.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou hoxe na inauguración desta remodelación. No acto, salientou que este labor enmárcase na “recuperación no mundo rural, na colaboración administrativa e no futuro verde”.

Ademais, Inés Santé destacou a importancia de poñer en valor este mercado, un fito que -dixo- permite seguir atopando nel “os mellores produtos da nosa terra” e vinculou esta reforma co apoio da Xunta ao concepto de Galicia calidade. Tamén relacionou esta iniciativa co fomento da “actividade de proximidade”, que promove que “no rural haxa vida, dun xeito descentralizado e evitando concentracións e aglomeracións nas cidades”. Un obxectivo medioambiental que cualificou como “imprescindible”. A directora xeral tamén fixo fincapé na relevancia da colaboración institucional, que se puxo de manifesto neste proxecto.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 04/05/2021