A orde, que pretende apoiar aos concellos para acadar unha xestión máis eficiente da auga, conta cun orzamento total de 500.000 euros

Ethel Vázquez destaca a publicación hoxe no DOG da primeira convocatoria de axudas aos concellos para dispor de caudalímetros que detecten fugas nas redes de abastecemento

A conselleira subliña que o obxectivo desta iniciativa é paliar a perda de auga, que en Galicia rolda o 30 % de media nas redes locais de abastecemento

Subvencionarase a adquisición e a instalación de equipos de medición, que poderán ser electromagnéticos ou contadores mecánicos

As axudas oscilarán entre os 3.000 euros para entidades de 2.000 habitantes ou menos e os 15.000 euros para concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes

Vázquez Mourelle informa de que os concellos de menos de 50.000 habitantes poderán solicitar estas subvencións desde mañá e ata o vindeiro 1 de setembro

A Xunta segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que exerzan de xeito eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da primeira convocatoria de axudas aos concellos para dispor de caudalímetros coa fin de detectar fugas nas redes municipais de abastecemento, unha convocatoria dotada dun orzamento total de 500.000 euros.

Vázquez Mourelle, que hoxe presentou un proxecto de mellora do abastecemento no Concello da Estrada, subliñou que estes dispositivos contribuirán a paliar as perdas de auga nas redes municipais de abastecemento de Galicia, que se cifran nunha media dun 30%.

A conselleira sinalou que os caudalímetros, que supoñen un investimento reducido, permiten obter unha información moi valiosa sobre o funcionamento das redes de abastecemento.

Sinalou que os concellos de menos de 50.000 habitantes poderán solicitar estas subvencións desde mañá e ata o vindeiro 1 de setembro.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta resolución hoxe publicada: http://xurl.es/w6qp5

As contías ás que optan os municipios oscilan desde os 3.000 euros en entidades de 2.000 habitantes ou menos ata os 15.000 euros para concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes.

Estes incentivos dirixiranse a subvencionar tanto a adquisición como a instalación de equipos de medición do caudal en sistemas de abastecemento en alta de auga potable de titularidade pública.

Os equipos subvencionados poderán ser caudalímetros ultrasónicos ou electromagnéticos ou contadores mecánicos, sempre que estean homologados para o uso ao que van destinados de acordo á normativa comunitaria e estatal vixente sobre metroloxía.

As actuacións deberán incluír equipos de medición antes da entrada á estación de tratamento de auga potable, de forma que se rexistre de forma individualizada o caudal detraído da captación de auga.

A Xunta, mediante este tipo de iniciativas, continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan desenvolver de xeito eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento e proporcionar uns servizos que respondan ás necesidades dos cidadáns.

Data de actualización: 04/05/2021