A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou no municipio pontevedrés as actuacións previstas e informou de que as empresas teñen ata o 7 de xuño para presentar as ofertas a estas obras

Ethel Vázquez anuncia a licitación hoxe das obras que o vindeiro ano dotarán de abastecemento as parroquias estradenses de Tabeirós e Nigoi grazas a un investimento de 715.000 €

A Xunta e o Concello da Estrada colaboran para garantir este servizo básico a uns núcleos de poboación que se autoabastecen con pozos privados e rexistran dificultades para dispor de auga na cantidade e na calidade necesarias

Aproveitarase a rede de abastecemento que capta a auga no río Umia e a potabiliza na ETAP de Eiriz, construíndo unha nova condución con 24 ramais

O Goberno galego executará e financiará nun 80% as obras, que teñen un prazo de execución de 10 meses e comezarán a finais deste ano

Ethel Vázquez lembra que a Galicia foi pioneira ao aprobar a Lei de garantía do abastecemento e segue a dar pasos innovadores para axudar aos municipios a blindar o subministro de auga á poboación

O DOG publica hoxe a primeira convocatoria de axudas para a instalación de caudalímetros que axuden a detectar fugas nas redes municipais de abastecemento

A Estrada (Pontevedra), 4 de maio de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación hoxe das obras que o vindeiro ano dotarán de abastecemento as parroquias estradenses de Tabeirós e Nigoi grazas a un investimento de 715.000 euros.

Vázquez Mourelle, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e do alcalde da Estrada, José López, visitou o municipio pontevedrés para presentar as actuacións previstas para dotar de abastecemento os núcleos que conforman estas parroquias.

A conselleira apuntou que estas obras responden a unha solicitude do Concello da Estrada, que demandou apoio para impulsar as obras que leven o servizo básico de abastecemento ás parroquias de Tabeirós e Nigoi. Nelas existen varios núcleos de poboación que se autoabastecen a través de pozos privados nos que se xeran, con frecuencia, dificultades para garantir a auga en cantidade e calidade.

A conselleira sinalou que hoxe mesmo se publica o anuncio da licitación das obras na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, que establece un período de execución de 10 meses e dá de prazo para a presentación das ofertas ata o vindeiro 7 de xuño.

 

Explicou que, a partir desa data, iniciarase o proceso de valoración das propostas e se adxudicará o contrato, co obxectivo de iniciar as obras de abastecemento de Tabeirós e Nigoi a finais deste mesmo ano, 2021 e culminalas en 2022.

Ethel Vázquez puxo en valor a colaboración entre a Xunta e o Concello da Estrada para levar a cabo estas actuacións e apuntou que a Xunta, ademais de executar as obras, achegará o 80% do investimento, mentres que o o Concello asumirá o 20% restante.

Ethel Vázquez concretou que para dotar de abastecemento as parroquias de Tabeirós e Nigoi prevese aproveitar a rede de abastecemento en alta que capta a auga no Umia e a potabiliza na ETAP de Eiriz. Derivarase unha rede da que sairán 24 ramais, cunha lonxitude de máis de 11.500 metros, para levar o abastecemento aos distintos núcleos. A nova tubaxe discorrerá, principalmente, baixo as calzadas de vías municipais, se ben será necesario executar unha condución subterránea de 300 mm de diámetro baixo a estrada provincial situada nestas parroquias, a EP-7001.

A conselleira salientou que a para o Goberno galego é unha prioridade apoiar aos concellos na extensión ao conxunto da poboación dos servizos básicos de saneamento e abastecemento, “unha necesidade esencial que debemos blindar, especialmente, no actual contexto de cambio climático”, remarcou.

Subliñou que a Comunidade Autónoma foi pioneira coa aprobación en 2019 da primeira Lei de garantía do abastecemento, e que Galicia continúa dando pasos innovadores coa fin de blindar o subministro, acadar unha xestión máis eficiente da auga dispoñible e por reducir a vulnerabilidade fronte a eventuais episodios de seca.

Ethel Vázquez referiuse a dúas ordes de axuda “fundamentais para que os municipios blinden o subministro de auga” que se publican hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Trátase, dunha banda, da primeira convocatoria de axudas aos concellos para a adquisición e instalación de dispositivos de medición do caudal que axuden a detectar con facilidade fugas nas redes de abastecemento, que se sitúan, de media, no 30%.

A conselleira informou, ademais, da convocatoria hoxe da terceira orde de axudas para que os concellos cumpran co seu deber de dotarse de plans de emerxencia fronte á seca, cun importe total de 250.000 euros.

Apuntou que con estas axudas a Xunta presta un apoio aos concellos que lle correspondería exercer ás deputacións provinciais, tendo en conta o seu deber de auxilio aos municipios.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/05/2021