O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o centro de conservación de estradas da Xunta das Pontes de García Rodríguez

A Xunta destina case 18,5 M€ á conservación ordinaria e á vialidade invernal en 892 km de estradas autonómicas das áreas da Coruña, Ferrol, Bergantiños e Santiago nos vindeiros 4 anos

Trenor explicou que este contrato, que se corresponde coa área da Coruña-norte, permite unha vixilancia e control das estradas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible

Subliña o programa de vialidade invernal, activo entre novembro e abril coa fin de garantir as condicións de circulación ante os efectos da climatoloxía adversa

As empresas poderán presentar ata o 21 de maio as súas ofertas para optar a este e aos outros seis contratos de conservación ordinaria e vialidade invernal licitados pola Xunta a mediados de abril

As Pontes de García Rodríguez (A Coruña), 4 de maio de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, salientou que a Xunta ten previsto destinar preto de 18,5 millóns de euros a garantir a conservación ordinaria e a vialidade invernal de 892 quilómetros de estradas das comarcas da Coruña, de Ferrol, de Santiago e de Bergantiños-Costa da Morte nos vindeiros catro anos. Así o salientou na visita que realizou esta mañá ao centro de conservación da rede de estradas autonómicas situado nas Pontes de García Rodríguez.

Concretamente, este contrato, que foi licitado o pasado 16 de abril e que se corresponde coa zona da Coruña-norte, abrangue os concellos de Coirós, Neda, Paderne, A Coruña, Ares, Cambre, Culleredo, Fene, Sada, Vilasantar, Oleiros, Cabanas, As Somozas, Carballo, As Pontes de García Rodríguez, Cariño, Ortigueira, Boimorto, Vilarmaior, Bergondo, Betanzos, Mugardos, Pontedeume, A Capela, Sobrado, A Laracha, Cerceda, Ferrol, Arteixo, Tordoia, Mesía, Ordes, Monfero, Aranga, Curtis, Frades, San Sadurniño, Miño, Carral, Moeche, Cerdido, Abegondo, Cedeira, Irixoa, Narón, Valdoviño e Oza-Cesuras.

O delegado da Xunta informou da licitación deste contrato que redundará na seguridade viaria e tamén contribuirá ao mantemento do emprego a través da promoción da obra pública.

Trenor subliñou que o obxectivo é manter a rede viaria autonómica na zona norte da provincia nas mellores condicións para garantir a seguridade viaria e propiciar desprazamentos máis cómodos e seguros aos usuarios.

Explicou que o programa de conservación ordinaria permite unha vixilancia e control das estradas autonómicas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible.

No marco destas actuacións, puxo como exemplo a reposición da sinalización ou das barreiras de seguridade, a limpeza e mantemento dos elementos de drenaxe das estradas ou o repintado da estrada e dos elementos que as conforman.

Engadiu que o contrato tamén inclúe os traballos de roza periódicos para o control da vexetación e garantir unha boa visibilidade, así como as melloras de firme ou reparacións de pontes, obras de paso ou noiros de menor entidade.

Sinalou tamén se blinda a atención das emerxencias que se poidan producir na rede de estradas da Xunta. Así, realízanse limpezas de aceites na calzada, retíranse animais mortos ou árbores caídas ou sinalízanse incidentes que condicionen o tráfico.

Trenor fixo fincapé no programa de vialidade invernal, que todos os anos se activa en novembro e se prolonga ata abril, dispoñendo os medios materiais e humanos para garantir as condicións de circulación ante os efectos da climatoloxía adversa.

O delegado da Xunta puntualizou que o contrato permitirá subrogar ao persoal que viña desenvolvendo estas tarefas, garantindo un posto de traballo estable a estes traballadores.

Tamén salientou a aposta polas novas tecnoloxías con innovacións na auscultación, que permiten comprobar o estado, a adherencia ou a regularidade superficial do firme.

As empresas teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 21 de maio para optar a este e aos outros seis contratos de conservación ordinaria e vialidade invernal da rede de estradas autonómicas, licitados pola Xunta a mediados de abril.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/05/2021