A Xunta e os decanos de Ciencias da Educación analizan as melloras que suporá o Plan de nova arquitectura pedagóxica

O conselleiro Román Rodríguez subliña que o reto é reforzar un novo modelo de colexios e institutos cunha orientación educativa, enfocada á transformación dixital e á aprendizaxe por proxectos, con espazos interactivos e máis amplos e cómodos

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2021

A Xunta de Galicia analizou cos decanos de Ciencias da Educación das Universidades galegas o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que rexerá para as infraestruturas educativas nos próximos anos, no que atinxe ao enfoque educativo que terán a partir de agora os distintos espazos dentro dos colexios e institutos.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, abordou o documento nunha xuntanza de traballo á que asistiron Manuel Peralbo Uzquiano, decano da Facultade de Ciencias da Educación da UDC; Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC; Óscar García García, decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo; Xosé Manuel Cid Fernández, decano da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, e Carmen Sarceda Gorgoso, decana da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo.

A xuntanza enmárcase dentro da rolda de contactos mantidos nas últimas semanas con distintos colectivos, como o Colexio de Arquitectos de Galicia, representantes das Anpas, a FEGAMP ou os directores dos centros, entre outros, e o obxectivo é que coñezan o texto inicial e poidan realizar as achegas que consideren oportunas co fin de enriquecer ao máximo o documento final.

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotado con 191M€, é folla de ruta para deseñar os espazos escolares do futuro ao servizo das novas esixencias tanto de carácter académico como funcional e medioambiental.

Fomento de competencias dixitais

O conselleiro Román Rodríguez fixo especial fincapé no reto de, desde o punto de vista arquitectónico, sexan espazos adaptados ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. Isto é, “que reforcemos un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid onde a arquitectura teña unha orientación educativa, con espazos flexibles, adaptados a todas as circunstancias, ben equipados e que resulten cómodos”.

Trátase, por tanto, de impulsar os espazos dos centros para “fomentar as competencias dixitais, o traballo colaborativo e as habilidades creativas”. Nesta liña, o plan inclúe a dotación de recursos de intelixencia artificial, robótica, domótica, procesado audiovisual, mecanizado e electromecánica, entre outros.

Na parte estritamente académica, o plan contempla espazos ao servizo dos proxectos educativos, sobre todo enfocados á transformación dixital (con espazos maker e polos tecnolóxicos), adaptados ao ensino dixital e mixto, aliñados coa estratexia de Intelixencia Artificial e cos retos das competencias STEM (matemática, científica e tecnolóxica).

Ademais, prevese tamén o deseño de espazos flexibles e adaptables para fomentar as tarefas en grupo, por proxectos e colaborativas, apostando así polas novas liñas académicas onde se prime o traballo por competencias en lugar de por áreas de coñecemento illadas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/05/2021