'Os fillos pequenos' gaña o certame de Relatos do Camiño, iniciativa de mundo detrás do marco no programa de “O teu Xacobeo”

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, asistiu hoxe á resolución dos 12 relatos que formarán parte do libro “Historias do Camiño”

O proxecto do que se anunciaron os seleccionados contou cunha achega de 21.250 euros no marco do programa autonómico, que está a mobilizar 8 millóns de euros

Vigo, 4 de maio de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, asistiu hoxe á resolución do certame de relatos do Camiño, unha iniciativa enmarcada no programa de “O Teu Xacobeo” e da que o xurado destacou a obra de María Jesús González Rodríguez, Os fillos pequenos.

En total seleccionáronse 12 relatos, número que se decidiu pensando nos apóstolos, e que serán publicados e presentados no vindeiro mes de setembro nun libro titulado Historias no Camiño. Un proxecto liderado pola editorial Mundo detrás do Marco que, tal e como sinalou Marta Fernández-Tapias, destaca polo intercambio de experiencias no Camiño de Santiago así como polo patrimonio humano.

Unha proposta que contou cunha achega do Executivo autonómico de 21.250 euros e da que a representante autonómica acentuou a orixinalidade da súa temática e a oportunidade que supuxo para “o noso talento emerxente”, posto que non era requisito para a presentación dos relatos o feito de ter publicada con anterioridade algunha obra.

Neste contexto, Fernández-Tapias subliñou o éxito do programa de “O Teu Xacobeo”, que tal e como expuxo “permítenos diversificar, entre moitos colectivos e a través de moitos pequenos actos, o impacto do Camiño e o valor deste Ano Santo no que nos atopamos, incorporando centos de propostas á programación do Xacobeo”.

Así, a delegada sinalou que en suma nas dúas edicións promóvense un total de 156 iniciativas coas que se están a mobilizar 4,3 millóns de euros solo na provincia de Pontevedra; cifra que se dispara ás 400 propostas e aos 8 millóns de euros mobilizados no conxunto de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/05/2021