Compromiso de Xunta e Concello para trasladar o centro de saúde do Sagrado Corazón ao antigo colexio

O conselleiro de Sanidade e a alcaldesa de Lugo acordan colaborar neste traslado, que consideran a mellor opción para reforzar os servizos sanitarios neste barrio

Ambas institucións negociarán coa actual propietaria do edificio educativo, a Fundación Abanca, para establecer os pasos dunha futura cesión

O delegado da Xunta en Lugo sinala que esta actuación blindará a atención sanitaria para os veciños e veciñas desta zona

Lugo, 04 de maio de 2021

A Xunta de Galicia e o Concello de Lugo acadaron hoxe un compromiso para trasladar o centro de saúde do Sagrado Corazón ao antigo colexio do barrio, unha vez que o xa rematado novo centro educativo entre en funcionamento o vindeiro curso escolar.

O encontro entre o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, tivo lugar esta mañá tralos actos de conmemoración do Hospital Lucus Augusti, nunha reunión na que tamén se acordou que Xunta e Concello negociarán coa actual propietaria do edificio do antigo colexio, a Fundación Abanca, para establecer que pasos dar de cara a pechar unha cesión do inmoble.

Tanto o conselleiro como a alcaldesa coincidiron en sinalar que esta é a mellor opción para trasladar as mesmas unidades que agora operan no centro de saúde ao inmoble do antigo colexio. A intención de ambas institucións é avanzar nos trámites administrativos para adaptar este traslado e despois determinar os usos do edificio do colexio, que precisará dunha reforma para acoller os servizos do centro de saúde.

Na actualidade, estes ocupan un espazo de máis de 500 metros cadrados, cando a superficie do antigo colexio é duns 1.200. Todo parece indicar que o centro de saúde do Sagrado Corazón trasladaríase coas mesmas unidades das que dispón na actualidade.

O delegado da Xunta en Lugo sinalou que “a semana que vén xa está prevista unha reunión con Abanca para avanzar nesta cesión”. Ademais, lembrou que o remate das obras do novo colexio do Sagrado Corazón, no que “a Xunta de Galicia investiu 4,2 millóns de euros, deixa baleiro o antigo centro educativo que agora poderá albergar un renovado centro de saúde co que reforzar os servizos sanitarios para os veciños e veciñas desta zona”.

Data de actualización: 04/05/2021