O vicepresidente económico, Francisco Conde, participou hoxe nun encontro onde os responsables de Mestrelab expuxeron os resultados do seu proxecto Futurelab

Conde subliña que Mestrelab está a contribuír a que Galicia sexa pioneira na dixitalización dos laboratorios de investigación

Pon de exemplo o software que ten deseñado e que xa empregan 150.000 científicos en todo o mundo e máis de 1500 institucións académicas, laboratorios e empresas como as que desenvolven as vacinas contra a covid-19

A Xunta apoia este proxecto a través do programa Fábrica Intelixente, que na súa cuarta edición ampliou o seu orzamento nun 40 por cento, ata os 21M€
 

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que Mestrelab está contribuíndo a que Galicia sexa pioneira e unha referencia a nivel internacional na dixitalización dos laboratorios de I+D na industria farmacéutica, biotecnolóxica ou química.

Conde participou hoxe nun encontro telemático onde os responsables de Mestrelab expuxeron os resultados do proxecto Futurelab, no marco do cal deseñaron un software que xa empregan 150.000 científicos en todo o mundo e máis de 1500 institucións académicas, laboratorios e empresas como as que desenvolven as vacinas contra a covid-19. Un proxecto que Conde cualificou como un fito e que a Xunta apoia a través do programa Fábrica Intelixente. Na súa cuarta edición, este programa ampliou o seu orzamento nun 40%, ata os 21 millóns. Ata o de agora, leva facilitado o desenvolvemento de 24 proxectos de I+D+i, con axudas por case 73 millóns de euros, un investimento público-privado de máis de 272 millóns e con 689 empresas e organismos de investigación beneficiados.

Estratexia de biotecnoloxía

O vicepresidente económico apuntou que este esforzo conxunto axuda a que Galicia poida posicionarse nos primeiros postos dun sector decisivo fronte a pandemia como o biotecnolóxico. E, nese sentido, a Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía que a Xunta está deseñando coa achegas de todos os axentes do sector vai ser a folla de ruta a seguir nos vindeiros cinco anos.

De feito, ao amparo da estratexia de impulso a este sector, ao longo dos últimos catro anos xa se mobilizaron 262 millóns de euros, un 32 por cento máis do previsto, en diferentes proxectos biotech, e se apoiou a contratación de 250 profesionais. Ademais, creáronse dúas incubadoras: recentemente, Business Factory Medicines (BFMedicines), para o desenvolvemento de novos fármacos, e BioIncubaTech, para impulsar a innovación no eido da saúde e alimentación. Tamén se constituíu un Hub de Innovación Dixital (DATAlife) para a dixitalización das pemes e dos sectores primario, biotech e da saúde.
 

Data de actualización: 05/05/2021