A Xunta somete a información pública os proxectos dos itinerarios peonís e ciclistas das estradas autonómicas OU-105, OU-536 e da Avenida de Ponferrada, no Concello de Ourense

As actuacións, cun investimento da Xunta de máis de 1,8 M€ e cun prazo de execución de seis meses, fan necesaria a expropiación de 45 fincas

Executaranse sendas compartidas de ancho variable pola marxe esquerda na estrada OU-536 na Rabaza e na avenida de Ponferrada, e pola marxe dereita no caso da OU-105 na Ponte Sevilla

Os novos itinerarios enmárcase no Plan de Sendas da comarca de Ourense e permiten actuar en tramos das estradas que carecen na actualidade dun espazo axeitado para o tránsito de peóns, incrementando a seguridade

Ourense, 7 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, informou esta mañá do inicio do proceso polo que se somete a información pública o proxecto dos itinerarios peonís e ciclistas que a Xunta ten previsto executar nas estradas autonómicas OU-105, OU-536 e na avenida de Ponferrada, no concello de Ourense, e que suporán un investimento autonómico de máis de 1,8 millóns de euros.

Estas actuacións, que terán un prazo de execución de seis meses unha vez iniciadas as obras, necesitarán da expropiación de 45 fincas para executar o proxecto, que suporán un importe de preto de 183.000 euros.

A intervención ten por obxectivo actuar en zonas destas estradas autonómicas que carecen na actualizade dun espazo seguro para o tránsito de peóns, polo que a execución destes itinerarios suporá unha mellora importante da seguridade viaria aos veciños do concello de Ourense.

Segundo o proxecto redactado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, executarase un itinerario peonil e ciclista de algo máis de 800 metros na estrada autonómica OU-105, no treito da Ponte Sevilla, entre os puntos quilométricos 0+030 (fronte ao concesionario localizado xunto á glorieta) e 0+845 (no que se sitúa a parada de bus xunto ao acceso ao tanatorio). Tamén se executará unha senda de 1,5 km na estrada OU-536, na Rabaza, entre os puntos quilométricos 0+960 (tras o paso de peóns no cruce co Camiño de Souto Sanín) ata o punto quilométrico 2+400;, e outras senda na avenida de Ponferrada, desde o nº 249 da avenida Buenos Aires ata a glorieta existente no punto quilométrico 1+950 da OU-536.

As persoas interesadas en facer achegas a este proxecto dispoñen dun período de 30 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, para formular as súas propostas.

O proxecto

Nestas tres estradas executaranse sendas compartidas de ancho variable, cun mínimo de 1,80 metros: pola marxe esquerda, no caso da estrada OU-536 e na avenida de Ponferrada; e pola marxe dereita na OU-105. Estes itinerarios estarán separados da estrada por diferentes elementos, segundo o tipo de sección adoptada en función das necesidades. Os elementos de separación poden ser unha cuneta revestida de ancho 1,20 metros e con perfil de seguridade; unha parte de vexetación de ancho 0,50 metros; un bordo de prefabricado de 22x15; ou a combinación dos tres elementos anteriores.

Estas novas sendas enmárcanse no Plan de Sendas da comarca de Ourense, e contan coa cofinanciación dos fondos europeos FEDER.

Plan de Sendas

O Plan de Sendas de Galicia, que a Xunta vén desenvolvendo en distintas comarcas galegas, parte dunha análise global do territorio, priorizando actuacións que atenden a criterios técnicos obxectivos e factores como a situación dos núcleos de poboación, servizos ou equipamentos; o tráfico e a sinistralidade que rexistra cada treito da estrada; a orografía e as pendentes do terreo; o clima; a facilidade de implantación ou a posibilidade de conectar con percorridos xa existentes.

Os obxectivos prioritarios desta iniciativa da Xunta, de construción de itinerarios peonís e ciclistas sostibles, seguros e integrados na paisaxe, son os de protexer e incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, debido a que son os usuarios máis vulnerables das estradas e promover unha mobilidade máis sostible, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/05/2021