A Xunta incrementa nun 12,5% o orzamento do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares para o próximo curso

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria para o vindeiro ano, que volve dar prioridade aos centros do rural

Este incremento enmárcase na liña de reforzo de 3M€ do departamento educativo do Goberno galego para estes espazos

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2021

A Xunta de Galicia incrementa nun 12,5% a partida destinada ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), o programa de referencia para a mellora de fondos e equipamentos destes espazos. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria deste programa para centros públicos o vindeiro curso 2021/2022, cun orzamento total de 1.565.000€, 175.000€ máis ca no actual ano académico. Nestes momentos forman parte desta rede un total de 741 centros, dos que 705 son públicos e 36 privados concertados.

Este incremento enmárcase na liña de reforzo de 3M€ en materia de bibliotecas escolares e fomento da lectura que ten prevista a Xunta de Galicia para este ano, a través de diferentes actuacións como o lanzamento dunha nova liña de actuación dirixida a incentivar e apoiar ás bibliotecas escolares nos centros do rural non integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), o deseño dunha nova acción para a renovación da colección de materiais inclusivos para unha mellor atención á diversidade do alumnado nas bibliotecas escolares, ou a extensión da convocatoria dos Clubs de Lectura aos centros de educación Primaria.

25 novos centros

A convocatoria volve dar prioridade aos centros do rural. Deste xeito, seleccionaranse un mínimo de 25 novos centros para a súa integración no PLAMBE o vindeiro ano académico. En igualdade de puntuación terán preferencia os situados en concellos rurais.

As asignacións para as novas incorporacións estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento. No caso dos centros de continuidade, poderán destinar as asignacións a fondos, a mobiliario e outros equipamentos ou a gastos de funcionamento específicos da biblioteca, en función do ano no que se integraran no Plan.

Entre outras cuestións, a convocatoria establece que as adquisicións dos fondos se realizarán, preferentemente, a través das librerías da zona de referencia do centro, e que deberán incluír materiais destinados á atención da diversidade (libros e outros materiais destinados ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, necesidades educativas especiais, altas capacidades, alumnado inmigrante etc.). Así mesmo, a multiculturalidade e as diversas linguas con presenza no centro deberán ser convenientemente contempladas; e o 50% dos materiais adquiridos deberán ser en lingua galega. Ademais, poderase mercar con estas asignacións mobiliario específico e adaptado ás necesidades da comunidade educativa.

Por outra banda, os centros incluídos neste programa poderán recibir formación específica, no contexto do Plan anual de formación do profesorado e do propio programa, así como asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería, desde onde se coordinará o plan de mellora e se levará a cabo o seguimento e supervisión oportunos.

Solicitudes

O prazo límite de presentación de instancias é o 4 de xuño. As solicitudes deben presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para a presentación pode empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365.

Criterios de selección

Para a selección dos centros de nova incorporación teranse en conta criterios como a calidade do programa presentado e a súa coherencia coa situación real da biblioteca e coa convocatoria; a integración da proposta nas actuacións destinadas á adquisición das competencias clave do alumnado e o cumprimento dos obxectivos contemplados no proxecto educativo; así como o uso deste espazo como centros e recursos centralizado da información ou a existencia dunha colección equilibrada e con atención á diversidade, entre outros criterios

Así mesmo terase en conta a formación específica da persoa responsable da biblioteca escolar e do seu equipo de apoio e o grao de implicación do equipo directivo e do profesorado do centro no seu conxunto. Tamén se avaliarán as propostas de mellora nos servizos ofertados pola biblioteca e uso que deles fan os diversos sectores da comunidade escolar, así como a atención aos usuarios da biblioteca, con especial atención á diversidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/05/2021