O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participan na presentación da nova peza audiovisual

A Xunta colabora coa agrupación folclórica Queixumes dos Pinos para divulgar o legado cultural do Santuario dos Gozos

O Goberno autonómico contribúe á posta en marcha dun novo vídeo promocional sobre a igrexa na que se celebra a romaría e festa popular de Pereiro de Aguiar

Pereiro de Aguiar (Ourense), 7 de maio 2021

A Xunta de Galicia impulsará a divulgación do legado cultural do Santuario dos Gozos colaborando coa agrupación folclórica Queixumes dos Pinos para promover o potencial patrimonial e cultural do Santuario dos Gozos arredor da que se celebra cada ano a festa popular do concello de Pereiro de Aguiar.

Á presentación da peza audiovisual acudiu o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen puxo de manifesto a importancia de apoiar iniciativas como esta “que se enmarca no traballo da Xunta por contribuír a que as tradicións e a nosa cultura pervivan e se difundan nas novas xeracións”, expresou. Agradeceu, ademais, o traballo levado a cabo pola Agrupación Folclórica Queixumes dos Pinos “polo seu excelente traballo a prol da cultura galega a través da súa escola e os seus espectáculos”. O acto –que tamén contou coa presenza do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén– incluíu, ademais, unha visita á sede da agrupación.

O novo vídeo promocional pon en valor o santuario, capela de estilo barroco construída no século XVII. É unha edificación rectangular, dividida en tres tramos por dous arcos. Ao redor desta igrexa celébrase a romaría dos Gozos, festa popular do concello de Pereiro de Aguiar, o primeiro domingo despois de Semana Santa. Está impulsado pola agrupación Folclórica Queixumes dos Pinos, unha asociación cultural e social que desenvolve todo tipo de actos e actividades, sempre relacionados coa cultura tradicional galega, entre elas desenvolve a danza tradicional da Virxe dos Gozos durante esta celebración.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/05/2021