A Xunta abre perfís en redes sociais dirixidos a outorgar recursos e axudar ás empresas a avanzar na igualdade laboral

A consellería de Emprego e Igualdade vén de poñer en marcha os perfís sociais de Facebook e Linkedin da igualdade laboral dirixidos ás persoas traballadoras, ao tecido empresarial e á cidadanía

A igualdade laboral consolídase como un dos piares da Administración autonómica que vén de potenciarse cun paquete de ferramentas para guiar ás empresas na implantación da perspectiva de xénero nas súas organizacións

A Xunta ofrece unha ferramenta innovadora de autodiagnose en materia de igualdade laboral, de balde e accesible a todas as empresas
 

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vén de poñer en marcha perfís de igualdade laboral nas redes sociais como continuidade do compromiso adquirido coa mesa do Diálogo Social, trala posta en marcha do portal http://www.aigualdadelaboral.gal. A través dos mesmos búscase crear novas canles para sensibilizar e difundir as medidas de igualdade promovidas pola Comunidade na esfera laboral.

Os dous perfís abertos en Facebook e Linkedin están focalizados na igualdade laboral e de oportunidades entre mulleres e homes en Galicia co fin de acoller a actualidade e as actuacións na materia, a través da xeración de contidos relevantes e de carácter informativo con perspectiva de xénero. As novas canles sociais constitúen un espazo de encontro para as persoas traballadoras, o tecido empresarial e a cidadanía xeral, para seguir impulsando de xeito decidido a igualdade laboral.

O compromiso da Xunta coa igualdade laboral tradúcese na posta a dispor de novos instrumentos para apoiar ás empresas neste cometido. Entre eles atópase a web www.aigualdadelaboral.gal, na que se inclúe a lexislación vixente, información relativa aos plans de igualdade, unha guía de axuda para a súa elaboración e unha completa ferramenta de autoavaliación en materia de igualdade laboral, entre outros.

Ademais, a Xunta está a ultimar programas de axudas ás empresas que non están obrigadas á elaboración dun plan de igualdade para costear os gastos da súa implementación con impulsos de ata 5.000 euros. Esta contía permitiralles afrontar tanto o custo da elaboración dunha diagnose da empresa como para a elaboración do propio plan de igualdade e as medidas a desenvolver.

A Administración autonómica tamén dispón apoios para a primeira fase da implantación das medidas prioritarias previstas nos plans de igualdade xa aprobados e que chegan aos 2.000€. Esta orde de axudas tamén incluirá incentivos ás empresas para a que favorezan o exercicio corresponsable do dereito de conciliación da vida persoal, familiar e laboral entre os seus empregados e empregadas.

O lanzamento das redes sociais da igualdade laboral constitúe o impulso para a divulgación de contidos e un espazo de encontro entre os diferentes axentes implicados na igualdade laboral que se ven sumar a outros instrumentos que a Xunta vén de por a dispor dos interesados como unha guía para o deseño de plans de igualdade e unha ferramenta para a realización de autodiagnose.

A guía para o deseño de plans de igualdade, dispoñible na páxina web de igualdade laboral, outorga a información e orientación sobre os aspectos necesarios para levar a cabo o proceso de elaboración, implantación e seguimento do plan no seo das organizacións.

A ferramenta de autodiagnose destaca, pola súa banda, polo seu carácter innovador. Ofrece un mecanismo de avaliación de balde, accesible, moderno e de calidade, que permite ás empresas medir de xeito periódico o seu nivel de desenvolvemento e impacto en relación coa igualdade de xénero e oportunidades laborais. Complementariamente aporta ás empresas recomendacións para mellorar a súa eficiencia na implantación de medidas de igualdade e tamén lles permitirá coñecer a súa situación comparativa respecto doutras organizacións con diferentes niveis de madurez e recursos.

Data de actualización: 08/05/2021