Declaración Institucional da Xunta de Galicia con motivo da celebración do Día de Europa

Compartir
  • whatsapp

Dende que se sentaran as súas bases hai 70 anos mediante a Declaración Schuman, a Unión Europea está a afrontar un dos seus maiores desafíos a raíz da dobre crise causada pola saída do Reino Unido e, fundamentalmente, pola pandemia global da Covid-19. A crise económica e sanitaria resultante motivou a adopción de numerosas medidas sen precedentes, para facer un fronte europeo común e loitar contra seus devastadores efectos.


Co fin de encarar a ameaza que a actual situación de crise supón respecto das bases sociais e económicas e dos ideais europeos, a Unión aprobou un paquete de estímulo económico, comprometido e solidario, destinado a reconstruír unha Europa posterior á Covid- 19 máis cohesionada, xusta, ecolóxica e dixital. Estes son os obxectivos aos que se dirixe o novo instrumento NextGenerationEU, co que se pretende impulsar as reformas e investimentos necesarios para sentar as bases da Europa do futuro.


Nesta liña, a Xunta de Galicia, xunto cos principais actores económicos e sociais galegos, está totalmente implicada e comprometida na captación de fondos e preparación de proxectos que consoliden unha Galicia economicamente máis competitiva e socialmente máis igualitaria.


A conmemoración do Día de Europa deste 9 de maio vén acompañada polo arranque da Conferencia sobre o Futuro da Unión, que, conducida polas principais institucións comunitarias, iniciará o proceso de reflexión sobre a reforma do proxecto europeo e a súa renovación de cara ás próximas décadas. Trátase dunha oportunidade única para a participación activa da cidadanía no deseño dunha Unión Europea que dea resposta aos retos reais das persoas, aos cambios sociais e económicos por vir e aos desafíos tecnolóxicos, dixitais e climáticos do futuro.


Europa está ancorada firmemente nos seus valores fundacionais, garantes da liberdade e pluralidade, da solidariedade e do progreso, que debe preservar e continuar promovendo nestes difíciles momentos. Agora máis que nunca debemos aferrarnos ao espírito fundacional da Unión Europea, mirando con orgullo os logros acadados e os dereitos adquiridos, para refacer novamente os piares da nosa prosperidade e rexurdir con maior calidade de vida para toda a cidadanía. Se algo aprendemos da situación que estamos a vivir é que só traballando xuntos poderemos construír un futuro tan ambicioso como o que hoxe se nos presenta e que o territorio europeo merece.


Neste Ano Santo Xacobeo non podemos esquecer que Galicia atesoura a ruta de peregrinación máis antiga de Europa, símbolo da convivencia harmoniosa da diversidade cultural que caracteriza á Unión. No camiño atópanse reflectidos todos os valores que inspiran o proxecto europeo. Valores que debemos proxectar á hora de abordar o seu futuro.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/05/2021