Aberto o prazo de solicitude do programa InnovaPeme co que a Xunta apoiará a mobilización de 5,6M€ para potenciar as capacidades e actividades innovadoras de pemes e microempresas galegas

As axudas, que se poden solicitar ata o 7 de xuño, contribúen a mellorar a organización da función innovadora, a identificación de tecnoloxías clave do negocio, a comercialización de produtos e servizos e a captación de financiamento para o incremento da innovación ou para a protección industrial dos seus resultados

Nesta nova edición non se poderán presentar as empresas que xa foran beneficiarias destas axudas con anterioridade, co obxectivo de achegar a innovación ao maior número de compañías posible

Desde a súa primeira convocatoria, en 2017, este programa xa permitiu apoiar a un total de 124 pemes e microempresas, cunha mobilización de 21,2 millóns de euros de gasto en I+D+i, ademais de favorecer o mantemento e creación de 618 postos de traballo

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para participar na cuarta edición do programa InnovaPeme, que ten como obxectivo potenciar as capacidades e actividades innovadoras de ao redor de 40 microempresas e pemes galegas. Cun orzamento de 2,8 millóns de euros e grazas á colaboración público-privada, a mobilización prevista en gasto en I+D+i poderá duplicarse ata alcanzar os 5,6M€.

A iniciativa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, destínase ao financiamento de actividades de innovación coordinadas a través dun plan de actuacións proposto polas empresas para iniciar, intensificar ou mellorar a súa capacidade e desempeño. Deste xeito, os recursos diríxense á organización da función innovadora, á identificación de tecnoloxías clave do seu negocio, e á mellora da comercialización de produtos e servizos innovadores, á captación de financiamento para incrementar a innovación ou para a protección industrial dos seus resultados.

Entre as novidades desta convocatoria, aberta ata o 7 de xuño, destaca a exclusión daquelas empresas que xa foron beneficiarias do programa en edicións anteriores, o que responde á filosofía deste programa que pretende achegar a innovación ao maior número de firmas posible, co obxectivo de que Galicia conte cun tecido empresarial competitivo baseado na innovación e na creación de emprego cualificado.

Para optar a estas axudas de concorrencia competitiva as empresas deben presentar unha folla de ruta ou plan de actuacións onde se recollan as actividades que pretenden desenvolver de xeito organizado e coherente coas súas necesidades. Deben ser actividades de innovación ou fomentar a innovación en materia de procesos ou organización e estar aliñadas con algunha das prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). As actuacións estenderanse durante un mínimo dun ano e como máximo ata o 30 de setembro de 2022.

Ademais, será necesaria a presentación do informe Innobench –un sistema de medición froito da colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), co Consorcio da Zona Franca de Vigo e o grupo Rede da Universidade de Vigo– no momento da solicitude, así como tras a finalización do plan, o que permitirá ter unha visión global das necesidades iniciais da empresa antes de executar o plan e os resultados acadados en termos de mellora dos indicadores globais de desempeño innovador.

Cada beneficiario recibirá unha axuda de entre 40.000 e 100.000 euros cos que se quere promover a cultura da innovación, incrementar o número de empresas innovadoras, aumentar a competitividade das pemes galegas, potenciar a colaboración das mesmas co resto de axentes do ecosistema innovador, favorecer a comercialización de resultados de I+D+i, ampliar a visión da innovación por parte dos xestores e aumentar o gasto en I+D e nas actividades innovadoras.

Balance

Desde a posta en marcha de InnovaPeme, no ano 2017, a Xunta concedeu axudas a un total de 124 pemes e microempresas cun orzamento de 10,6 millóns de euros, o que favoreceu unha mobilización de 21,2 millóns de gasto en I+D+i. O 44% dos apoios foron para microempresas, o 35% para pequenas empresas e o 21% restante para medianas. Ademais, o 78% das beneficiarias non tiña recibido unha axuda da Axencia Galega de Innovación desde a súa creación, polo que este apoio representou, para moitas delas, a primeira oportunidade de cara a consolidarse no futuro como empresas innovadoras en Galicia. Os sectores relacionados coas TIC, a enxeñaría e ao agroalimentario foron os que recibiron un maior apoio.

Por outra parte, InnovaPeme permitiu o mantemento e creación de 618 postos de traballo e está impulsando a colaboración con máis de 150 entidades, universidades, centros e empresas tecnolóxicas, polo que se logrou reforzar a innovación colaborativa entre estas entidades de menor tamaño.

O programa compleméntase coas medidas postas en marcha polo Goberno galego dirixidas ao fortalecemento das pemes galegas a través da innovación e as novas tecnoloxías. Así, a Axencia Galega de Innovación (Gain) ofrece apoio ao emprendemento baseado en tecnoloxía a través da súa rede de aceleradoras ou programas como o Ignicia; promove a captación e retención de talento con iniciativas como Principia ou Talento Sénior; impulsa a investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica con iniciativas como Fábrica Intelixente, as Unidades Mixtas de Investigación ou Conecta Hubs; e fomenta o crecemento innovador.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/05/2021