A Xunta inicia a construción dunha senda peonil de 1.500 metros na estrada PO-531 entre Sabarís, O Bispo e A Devesa, no concello de Pontevedra, cun investimento de máis de 830.000 €

O delegado territorial, Luis López, supervisa o comezo dos traballos, que estarán rematados a finais de ano e se enmarcan na mellora da seguridade viaria

A actuación consiste na creación dun percorrido en formigón cunha anchura mínima de dous metros, franxas axardinadas, unha pasarela sobre o rego do Castrado e reposición de servizos, a rede de drenaxe e a sinalización

“Con este investimento, dous meses despois da posta en servizo da senda de Alba na PO-225, seguimos coa remodelación da PO-531, á que a Xunta dedicou case 4 millóns entre Pontevedra e Curro”, explicou o representante autonómico
 

Pontevedra, 10 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de comezar na xornada de hoxe os traballos de construción dunha senda peonil na estrada autonómica PO-531 ao seu paso pola contorna da Devesa, no Concello de Pontevedra, cun investimento de máis de 830.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou o comezo desta actuación, que estará rematada a finais de ano e que se enmarca no proxecto de reforzo da seguridade viaria entre Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.

“Con este investimento, que arranca dous meses despois da posta en servizo doutra senda importante na PO-225 na parroquia de Alba, seguimos agora coa remodelación e modernización da PO-531 na área de Pontevedra, á que dedicamos case 4 millóns nos últimos tempos no treito entre a capital e o enlace de Curro”, detallou o representante autonómico.

Esta obra consiste na creación dun percorrido seguro de 1.500 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 5+460 e 6+900, que unirá os lugares de Sabarís, O Bispo e A Devesa para favorecer o tránsito peonil dos seus veciños.

A actuación, que arrancou esta mañá despois de que a semana pasada se procedera ao pintado e sinalización da zona, contempla a creación dunha senda en formigón cunha anchura mínima de dous metros e unha franxa axardinada de separación de zonas en todos aqueles puntos nos que sexa posible por cuestións de espazo.

Así mesmo, tamén está previsto que se constrúan dous treitos de pasarela, sustentada sobre muros de contención e zonas con micropilotes, para salvar o paso sobre o rego do Castrado.

O proxecto completarase coa renovación da rede de drenaxe para permitir unha axeitada saída ás augas de escorrentía, a reposición dos servizos afectados polas obras, a colocación de nova sinalización e balizamento e a execución doutras obras menores para favorecer o acceso ás vivendas.

Esta iniciativa está cofinanciada con fondos europeos do programa operativo FEDER 2014-2020.

“A Xunta de Galicia segue a traballar con gran intensidade no desenvolvemento de todos os plans de sendas da área metropolitana de Pontevedra con numerosas actuacións na capital provincial e os concellos próximos de Marín, Poio e Bueu e imos seguir nesta liña para facer que as estradas e as súas contornas sexan espazos máis amables, seguros e confortables para os peóns”, explicou Luis López.

O delegado territorial revelou que, ademais das sendas pontevedresas de Alba e A Devesa, está a piques de iniciarse a proxectada na PO-551 entre Bagüín e Seixo, no Concello de Marín, cun investimento de 565.000 euros; vén de adxudicarse a que unirá os lugares de Trasouto e Alto da Portela, tamén na PO-551 e pertencente ao Concello de Bueu, por 520.000 euros; e vaise comezar en breve prazo coas expropiacións de terreos para executar outra senda, neste caso na PO-308, entre os lugares de Fontenla e Combarro, no Concello de Poio.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/05/2021