A Xunta completará este mes o pago de 110 millóns de euros en axudas directas aos sectores da hostalería e do turismo en Galicia

A Administración galega abonou xa o 82% do segundo plan de rescate para autónomos, microempresas e hostaleiros afectados pola crise sanitaria

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda; a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron hoxe cos representantes das asociacións de hostalería e restauración un novo encontro no que concretaron o reparto das axudas

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021

A Xunta completará neste mes de maio o pago de 110 millóns en axudas directas á hostalería e ao turismo galego nas diferentes liñas habilitadas nos últimos meses para apoiar aos sectores máis prexudicados pola crise sanitaria. Ademais dos 90 millóns que lles corresponden dos dous plans de rescate (do que xa se abonou o 82%), o Goberno galego mobilizou outros 20 máis en axudas para o ocio nocturno, as reformas nas terrazas e na restauración, a organización de eventos, as axencias de viaxes e os guías turísticos.

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda; a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron hoxe cos representantes das asociacións de empresarios de hostalería e restauración un novo encontro no que concretaron o reparto das axudas e analizaron a situación sanitaria en Galicia e a desescalada no sector.
A Administración galega abonou xa o 82% do segundo plan de rescate, dotado inicialmente con 75 millóns pero ampliado posteriormente ata os 96. Os hostaleiros galegos recibiron polo de agora 40,7 millóns (13,1 da liña habilitada para microempresas; 7,9 da de autónomos e 19,6 da específica para a hostalería). Sumados aos 38,8 millóns que percibiron do primeiro plan de rescate, resultan case 80 millóns en axudas aboadas directamente pola Xunta.
Queda pendente de aboar o 50% da liña destinada especificamente aos hostaleiros, polo que nos vindeiros días percibirán outros 10,4 millóns do segundo plan de rescate. Polo de agora pagáronse 7.512 solicitudes procedentes da hostalería, o 50% do total. As liñas de autónomos e microempresas pagáronse case na súa totalidade, pero hai que ter en conta que o 30% das solicitudes a autónomos pagadas e o 52% das microempresas proceden tamén do sector da hostalería, que pode beneficiarse das tres liñas do segundo plan, que se desembolsará na súa totalidade neste mesmo mes de maio.
No encontro tamén se abordou a situación sanitaria unha vez levantado o estado de alarma e como afecta ao sector. O vicepresidente primeiro mostrou a súa satisfacción por ser Galicia unha das comunidades autónomas con mellores datos epidemiolóxicos o que, aos seu entender, “nos permitirá seguir avanzando, pouco a pouco pero sen dar pasos atrás”.
Alfonso Rueda recalcou que a Xunta mantén o seu compromiso de axudar á hostalería galega polos prexuízos ocasionados pola pandemia, colaboración na que se enmarcan os continuos encontros con sector. Rueda subliñou que Galicia non só foi “pioneira” na posta en marcha de axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia, senón tamén nas medidas adoptadas para contela, de aí que que a situación epidemiolóxica sexa mellor que noutras zonas do Estado español.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/05/2021