Máis de 77.100 galegos xa descargaron o Bono Activa Comercio da Xunta, que conta con máis de 550 establecementos adheridos na comarca da Coruña

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou nunha reunión cos representantes de Acocem

Destacou a boa acollida que está tendo esta iniciativa, que busca mobilizar 55 millóns de euros e contribuír así á dinamización das vendas e á reactivación deste sector

Informou aos comerciantes que xa está aberta a convocatoria para a implantación e impulso da dixitalización e a modernización do sector comercial e artesanal galego

A Coruña, 12 de maio de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou, esta mañá, nun encontro de traballo cos representantes de Acocem Comerciantes dos barrios do Castrillón, Eirís e Monelos, onde informou de que máis de 550 comercios da Coruña, Arteixo, Betanzos, Sada, Culleredo, Cambre, Curtis, Miño, Oleiros, Carral, Abegondo, Oza-Cesuras e Sobrado están adheridos ao programa Bono Activa Comercio da Xunta, que xa poden utilizar os máis dos 77.100 que xa se descargaron os bonos en Galicia.

Trenor destacou que a acollida desta campaña está sendo moi boa, un síntoma de que os galegos e galegas elixen o comercio de proximidade cando buscan confianza, calidade e un trato personalizado. Tamén puxo en valor o esforzo que o sector está realizando por adaptarse a este novo escenario e seguir sendo unha referencia.

O Bono Activa Comercio, deseñado en colaboración coa Federación Galega de Comercio, conta cun orzamento de 10M€ que se reparten en vales de desconto de 30 euros, dos que se poderán beneficiar ao redor de 330.000 clientes. Preténdese mobilizar 55M€ para dinamizar as vendas nos establecementos de proximidade de toda Galicia e contribuír, deste xeito, á súa reactivación.

Este bono funciona a través dunha aplicación móbil ofrecendo descontos de 5 euros por compras iguais ou superiores a 30, así como descontos de 10 euros se son iguais ou superiores a 50 euros. Tanto os establecementos que queiran adherirse –para os que se ten aprobado ampliar o prazo ata o 31 de maio– como os clientes, poden facelo na web bonosactivacomercio.gal.

A iniciativa forma parte do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego que conta con axudas da Xunta de Galicia para incentivar o consumo e apoiar a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña.

Nova orde de axudas para a dixitalización

O representante do Goberno autonómico tamén informou de que xa se poden solicitar os apoios para a implantación e impulso da dixitalización e a modernización do sector comercial e artesanal galego. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 4 de xuño.

A convocatoria, de concorrencia competitiva, conta este ano cun orzamento de 5M€ e diríxese ao comercio polo miúdo e aos obradoiros artesanais. As axudas cobren ata o 80% e existe a posibilidade de acceder a anticipos de ata o 50% do importe da axuda.

Por unha parte, contempla unha liña de dixitalización comercial que inclúe axudas para impulsar a transformación dixital –con apoios para páxinas web con venda en liña ou melloras e actualizacións–; optimizar e axilizar os procesos comerciais –con sistemas integrados para a planificación e xestión de recursos empresariais comerciais ou tablets asociadas coa actuación de ferramentas de xestión–; realizar actuacións de comunicación, publicidade e márketing en internet; actuacións de comercialización dixital como a participación en eventos efémeros ou feiras dixitais; e tamén para apoiar a loxística
e-commerce ou e-commerce sostible.

Por outra parte, apoiaranse actuacións de adquisición de equipamentos propias da actividade comercial e artesanal con axudas de ata 8000 euros.

Todas estas medidas súmanse a outras actuacións que tamén están en marcha, como o Renove Electrodomésticos, a través do que se investirán 3M€ para que 20.000 fogares renoven os seus electrodomésticos; ou o Bono Enerxía Peme e Comercio, que cun investimento de 3M€ apoiará tanto a mellora como a renovación de sistemas eléctricos, iluminación ou climatización para incrementar a eficiencia enerxética de 1000 pequenas e medianas empresas e establecementos comerciais en Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/05/2021