A Xunta somete a información pública o proxecto para executar un itinerario peonil e ciclista na estrada AC-213 na Telva, nos concellos de Cambre e de Culleredo

A actuación executarase de modo que se complementen dous itinerarios diferentes cunha lonxitude total de 680 metros, 540 na estrada AC-213 e 140 metros no ramal ao polígono de Alvedro

Un dos itinerarios será peonil e comprenderá o tramo que une o núcleo do Burgo e dos Campóns, onde a estrada autonómica enlaza coa provincial

O outro tramo discorrerá en paralelo ao río Mero e ata A Telva, continuando pola senda existente no polígono ata estrada N-550, e contará cun carril bici

A intervención suporá un investimento estimado en preto de 320.000€ e precisa da expropiación de 11 predios, que suporán un custo aproximado de 47.000€
 

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto para executar un itinerario peonil e ciclista na estrada AC-213 na Telva, nos concellos de Cambre e de Culleredo.

O obxectivo deste proxecto de fomento da mobilidade sostible é a execución dunha senda e de 680 metros de lonxitude na marxe desta estrada autonómica: 540 metros na AC-213 e 140 metros no ramal ao polígono de Alvedro.

Esta actuación conta cun investimento estimado en preto de 320.000 euros e precisa da expropiación de 11 predios, que suporán un custo aproximado de 47.000 euros.

As persoas que o desexen poderán formular observacións e achegas ao proxecto desde mañá e ata o vindeiro día 28 de xuño. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información deste procedemento: https://xurl.es/ql9m1

O proxecto do departamento que dirixe Ethel Vázquez prevé a execución dunha senda na AC-213, de modo que se complementen dous itinerarios diferentes.

O deseño desta senda, que se desenvolve entre os puntos quilométricos 1+840 e 2+340, formúlase como un itinerario duns 2 metros, con carril bici naquelas zonas que dan continuidade ao itinerario ciclista.

Máis en detalle, o primeiro itinerario será peonil e correspóndese co tramo que une o núcleo do Burgo e dos Campóns, onde a estrada autonómica enlaza coa provincial DP-1702.

A outro itinerario, que parte tamén do Burgo, discorre en paralelo ao río Mero ata A Telva, continuando pola senda existente no polígono de Alvedro ata a estrada N-550. Neste tramo do Burgo á Telva, con alta afluencia de ciclistas, o proxecto prevé dotar a senda dun carril bici de solo estabilizado, dando así continuidade a ese itinerario.

 

Data de actualización: 12/05/2021