Así o anunciaron esta mañá o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o Xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial

A Xunta reformará o centro de saúde da Arnoia para mellorar a súa funcionalidade e accesibilidade

A Consellería de Sanidade investirá 92.775 euros nas obras que se veñen de licitar hoxe

O obxectivo e renovar o centro trasladando as consultas a planta baixa para mellorar a accesibilidade ademais de cambiar a cuberta

Ourense, 12 de maio de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o Xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, desprazáronse esta mañá ao concello de Arnoia para anunciar, en presenza do alcalde, Rodrigo Aparicio, a licitación por parte da Xunta das obras de reforma do Centro de Saúde da Arnoia por un importe de 92.775,56 euros, que permitirán cambiar a cuberta e renovar o centro, trasladando as consultas a planta baixa, e mellorando así a súa funcionalidade e accesibilidade.

As obras, susceptibles de financiamento no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, con fondos REACT-EU, terán un prazo de execución de tres meses a partir da súa adxudicación, polo que desde o Servizo Galego de Saúde estímase poderán estar rematadas este mesmo ano.

A redacción do proxecto básico e de execución, realizado por Rafael Rodríguez Varela, aprobado polo Sergas o pasado mes de marzo, consiste na reforma da planta baixa do Centro de Saúde para trasladar a este espazo o conxunto da actividade asistencial, dotando o centro dunha maior funcionalidade.

Actuarase nunha superficie de 201,25 m2, que será dedicadas exclusivamente a consultas e areas de acceso para o público, como salas de espera aseos, que igualmente se redimensionarán de acordo coas actuais necesidades de accesibilidade. As obras tamén abordarán o cambio e mellora do illamento da cuberta.

Esta actuación será susceptible de financiamento con fondos europeos, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, vía REACT-EU, programa de Axuda á Recuperación para a Cohesión e os Territorios de Europa, no obxectivo temático único denominado “Fomento da reparación da crise no contexto da pandemia de COVID-19 e preparación dunha recuperación verde, dixital e resilente da economía”, incluído nos de investimento en crecemento e emprego.

Mellora das infraestruturas sanitarias no Ribeiro

O Centro de Saúde de Arnoia conta cun cadro de persoal, formado por un médico e unha enfermeira, que ofertan unha carteira de servizos básica de atención primaria aos seus 618 usuarias e usuarias, que dispoñen dos servizos de referencia do Servizo de Atención Primaria de Ribadavia. Centro, este último, que será reformado tamén este mesmo ano.

En concreto este servizo de referencia comarcal, que acolle tamén o Punto de Atención Continuada, abordará nos próximos días os traballos de reforma nos que a Xunta de Galicia ven de investir 328.000 € e permitirán a súa completa renovación, co cambio da cuberta e da envolvente, substitución da carpintería exterior, renovación das instalacións eléctricas, fontanería e sistemas anti-incendios e renovación da pintura. No exterior, tamén se levará a cabo a reforma e ampliación do aparcadoiro.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/05/2021