O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro con alcaldes da provincia de Pontevedra

Conde destaca que a Lei de reactivación económica abre un marco de colaboración cos concellos de Pontevedra para garantir o desenvolvemento ordenado do sector eólico

Ofrece máxima transparencia e colaboración no desenvolvemento desta actividade coa creación dunha rede de información provincial para que os goberno locais poidan coñecer os futuros proxectos antes de iniciar a súa tramitación

A Xunta está informando negativamente de todos os parques que se pretenden desenvolver fóra das áreas establecidas polo Plan sectorial eólico de Galicia, como é o caso de seis proxectos localizados en Lalín, Dozón, Rodeiro, Silleda e Forcarei

Destaca o traballo das Entidades de Certificación Municipal (ECCOM) que permitirán aos concellos axilizar a aprobación de licenzas coas mesmas garantías xurídicas e técnicas que ata agora
 

Pontevedra, 12 maio de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou que a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia abre un marco de colaboración cos concellos para garantir un desenvolvemento ordenado do sector eólico. Así o manifestou nunha xuntanza con alcaldes da provincia de Pontevedra para informar sobre as novidades desta normativa, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Luis López.

Conde, que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, explicou que a Administración galega ten en marcha unha rede de información provincial cuxo obxectivo é, precisamente, que os concellos se sintan partícipes e sexan coñecedores da planificación de parques eólicos que, neste momento, están en tramitación por parte do Executivo autonómico e do Goberno central a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica, e que poidan coñecer tamén os futuros proxectos que se vaian desenvolver na Comunidade antes de iniciar a súa tramitación.

Grazas a esta rede, os concellos de Pontevedra teñen información de primeira man sobre os proxectos eólicos antes de proceder á preceptiva exposición pública dos mesmos. Deste xeito, as administracións locais poden coñecer as súas características sen prexuízo das alegacións que este organismo, así como calquera outra persoa ou entidade da zona, poida presentar no trámite de exposición pública. Será a través das xefaturas territoriais da Xunta de Galicia onde se porá á disposición dos concellos toda a información dispoñible do proxecto xunto co estudo de impacto ambiental.

A nova Lei garante un desenvolvemento ordenado do sector eólico exixindo o cumprimento de todas as garantías ambientais e de impacto territorial. Deste xeito, non se poderán implantar parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia nin nos espazos da Rede Natura aprobados.

É por este motivo que a Xunta está informando negativamente de todos aqueles parques eólicos que se están propoñendo fóra desas áreas establecidas polo Plan sectorial eólico de Galicia. No caso concreto da provincia de Pontevedra son cinco proxectos que está a tramitar o Goberno central nos concellos de Lalín, Dozón, Rodeiro, Silleda e Forcarei. Trátase dos parques eólicos de Galerna, Brisa, Val do Folgoso, Monte dos Porcallos, Céfiro e Tramontana que suman 358,4MW.

Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM)

Conde tamén trasladou a importancia de que Xunta e concellos colaboren no marco da nova normativa co obxectivo de axilizar a tramitación administrativa dando a resposta que as empresas necesitan para poder afrontar a recuperación desde un clima de estabilidade e confianza.

Explicou que as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM) se encargarán de avaliar os diferentes proxectos para dar máis axilidade á aprobación de licenzas mantendo as garantías xurídicas e técnicas e favorecendo a liberación de carga administrativa nas administracións locais.

Segundo dixo, a nova lei fai especial fincapé na figura dos concellos emprendedores —143 municipios de Galicia, o 45% do total, dos que 22 pertencen á provincia de Pontevedra—. Así, poderán adherirse á Oficina Reactiva Galicia que, a través do Igape, se encargará de ofrecer atención ao investidor, tanto desde o punto de vista da tramitación como de información sobre convocatorias e axudas, así como asesoramento.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/05/2021