A Xunta adquire 7 novos sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci para todas as áreas sanitarias galegas

Feijóo explica que estes aparellos robóticos, que facilitan a destreza e capacidade cirúrxica laparoscópica, redundando en múltiples beneficios para os pacientes, os profesionais e os hospitais, poderían estar operativos en setembro

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, informou hoxe, na rolda de prensa do Consello, da adquisición de 7 novos sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci para todas as áreas sanitarias galegas cun investimento de 20,5 M€. A compra destes equipos, abundou, permitirá incorporar ao Sergas a técnica da cirurxía robotizada.

Durante a súa intervención explicou que estes aparellos robóticos, que facilitan a destreza e capacidade cirúrxica laparoscópica redundando en múltiples beneficios para os pacientes e os profesionais dos hospitais, poderían estar operativos no mes de setembro.

Nese sentido, Feijóo sinalou que achegarán, no caso dos pacientes, unha maior seguridade e calidade, diminución da morbimortalidade, menor perda sanguínea, incisións máis pequenas, menor dolor postoperatorio, e diminución da estancia media hospitalaria. Para os profesionais implicará diminución da dificultade cirúrxica, maior precisión, posibilidade de acceso a zonas complexas, excelente visualización e maior precisión nos movementos. E, finalmente, nos hospitais suporá un menor número de transfusións, menor tempo operatorio, menor estancia media e menor número de complicacións intraoperatorias.

Por último, e en relación ao contrato para a compra, o titular do Goberno galego, subliñou que terá unha duración de 8 anos e 3 meses e tamén se comprometerá o seu mantemento.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/05/2021