A Xunta ten previsto apoiar este ano máis de 165 empresas do sector forestal para reforzar o seu papel clave na transición ecolóxica

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou a aposta da Administración autonómica pola innovación, a formación e a comercialización de produtos desta industria durante unha visita en Valga a Barton Maquinaria

Valga (Pontevedra), 13 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe, durante a súa visita á empresa Barton Maquinaria, na localidade pontevedresa de Valga, “o papel clave que pode desempeñar a industria forestal no proceso de transición ecolóxica” se conta coas ferramentas necesarias para “gañar en competitividade”. Por este motivo, desde a Xunta de Galicia estanse promovendo este ano liñas de axudas para contribuír ao desenvolvemento da innovación, a formación e a comercialización de produtos neste sector. O obxectivo é chegar a máis de 165 empresas, 10 asociacións profesionais e beneficiar a máis de 1500 traballadores.

Durante a súa visita este mediodía a Barton Maquinaria, especializada no deseño e fabricación de equipos e maquinarias para a industria madereira, Conde loou o traballo desta empresa familiar de terceira xeración: “É un exemplo de como a tecnoloxía está cada vez máis presente na actividade produtiva da industria forestal galega”, apuntou en referencia á súa modernidade, innovación e internacionalización.

Favorecer o desenvolvemento rural; impulsar un uso eficiente dos recursos autóctonos; complementar a cadea de valor da industria forestal galega; e contribuír á descarbonización e aos obxectivos da economía circular e a dixitalización son algúns dos retos que o sector forestal ten por diante e nos que quere colaborar a Xunta de Galicia. Neste sentido, o vicepresidente económico tamén destacou que os fondos europeos Next Generation poden ser tamén unha “fonte de recursos excepcional”.

Últimos días para solicitar as axudas Xera-Tecno

Co obxectivo de axudar a microempresas e pemes da industria forestal, a Xunta destina 11,3 millóns de euros para que poidan investir en tecnoloxías de procesado, comercialización e mobilización de produtos forestais. O prazo para solicitar estas axudas da liña Xera-Tecno remata o próximo mércores 19 de maio.

En paralelo, ao longo das próximas semanas, o Goberno galego tamén ten previsto convocar unha liña de apoios para que as asociacións do sector impartan formación entre os profesionais; e neste mesmo ano 2021 a Xunta tamén ofrecerá apoios dirixidos a impulsar a innovación nas pemes da industria forestal, da segunda transformación e o ámbito contract.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/05/2021