Máis de 6.200 aspirantes examinaranse o 12 de xuño para 97 prazas do corpo administrativo C1

As probas realizaranse simultaneamente en tres sedes distintas: o recinto feiral de Silleda, o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e o IFEVI en Vigo

As autoridades sanitarias avalan o protocolo covid 19 para a realización das probas con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade
 

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

Un total de 6.203 aspirantes están chamados a participar o día 12 de xuño nas oposicións para acceder a 97 prazas do corpo administrativo C1. A Xunta anuncia a data do exame logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos que garanten a súa realización con todas as garantías sanitarias e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

A pandemia do coronavirus e as restricións establecidas para controlar a súa evolución obriga a adaptar as formas e secuencias de celebración das probas para garantir a súa realización coa maior seguridade posible. Neste marco, o exame para o grupo C1 do Corpo Administrativo/Grupo III realizarase o 12 de xuño pola mañá e simultaneamente en tres sedes distintas: o recinto da Feira internacional de Silleda, o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e o Instituto Feiral de Vigo (IFEVI).

Segundo exercicio

Ademais, ese mesmo día pola tarde celebrarase o segundo exercicio para o grupo A1 do Corpo Superior/Titulado Superior; e a continuación, o domingo 13 de xuño pola mañá terá lugar a segunda proba do grupo A2 do Corpo de Xestión. Ambos grupos tiveron o primeiro exame no mes de marzo. Este segundo exercicio realizarase en Silleda.

Protocolo avalado polas autoridades sanitarias

Todas as probas se realizarán conforme ao protocolo elaborado pola Xunta de Galicia e avalado polas autoridades sanitarias. Este protocolo establece que só se permitirá o acceso aos edificios aos aspirantes que realicen os exercicios e ao persoal implicado no desenvolvemento das probas polo que os opositores deben acudir soas (salvo no caso de que precisen asistencia).

Terán que presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e gardar en todo momento a distancia de seguridade; será obrigatorio o uso de máscara durante todo o proceso e o emprego de xel hidroalcohólico para entrar nos pavillóns. Os seus obxectos persoais deben ser os mínimos imprescindibles e non se poderá compartir material.

En cada unha das portas onde se desenvolvan as probas sinalaranse claramente os accesos correspondentes o que permitirá a súa visualización desde o exterior co fin de axilizar a identificación do acceso que corresponda a cada aspirante.

Ademais, ventilaranse os pavillóns e manteranse as portas abertas durante a realización dos exercicios, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable polas correntes de aire ou derivada do ruído.

Os aspirantes que concorran a estes procesos selectivos poderán consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade no portal corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica
 

Data de actualización: 13/05/2021