O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Lugo este proxecto turístico

A Xunta destaca que a iniciativa Cabanas das Chousas é sustentable en todas as súas dimensións amosando o valor da madeira tanto no eido do deseño como da construción

A iniciativa contou, o pasado ano, cunha axuda de 20.000 euros por parte da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) enmarcada nos apoios para fomentar o uso da madeira e, en concreto, para apoiar a realización de obras de reforma ou acondicionamento de locais comerciais ou de negocio con produtos en madeira

O sector forestal ten unha importante presenza na candidatura coa que Galicia opta aos fondos europeos con proxectos que son sinónimo de economía circular, eficiencia enerxética, ecodeseño ou ecoinnovación
 

Lugo, 14 maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Lugo o proxecto turístico Cabanas das Chousas e destacou que se trata dunha iniciativa sustentable en todas as súas dimensións e que é un exemplo do valor da madeira tanto no eido do deseño como da construción: “Trátase dun proxecto vinculado co turismo sostible que impulsa a innovación, a tecnoloxía pero tamén a construción de madeira, un dos obxectivos que temos dentro do contexto actual de transición enerxética”, asegurou o vicepresidente económico.

O proxecto, recibiu un apoio de 20.000 euros por parte da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), dentro da liña de axudas dirixida a impulsar o uso da madeira e, en concreto, a destinada a apoiar a realización de obras de reforma ou acondicionamento de locais comerciais ou de negocio con produtos en madeira. As cabanas están situadas a varios metros do chan, nun bosque autóctono á beira do río Mera e nas inmediacións da aula da natureza do Veral. As construcións están mimetizadas e integradas coa contorna e a principal especie empregada é o piñeiro.

Conde incidiu no compromiso da Xunta co fomento dun maior uso desta materia prima para contribuír á competitividade da industria forestal, á sustentabilidade e eficiencia enerxética na construción e á diferenciación do contract galego. Así, as tres liñas de apoio postas en marcha o pasado ano neste eido, permitiron beneficiar a 122 empresas galegas e mobilizar preto de 36,6M€.

En 2021 activaranse outras tres liñas –unha delas, a destinada a apoiar os investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais, ten o prazo de solicitude aberto ata o vindeiro mércores, 19 de maio– coas que se pretende chegar a 165 empresas, 10 asociacións profesionais e máis de 1500 traballadores desta industria.

O forestal, ademais, conta cunha importante presenza na candidatura galega aos fondos europeos Next Generation, con proxectos que son sinónimo de economía circular, eficiencia enerxética, ecodeseño ou ecoinnovación. Destacan, por exemplo, iniciativas como unha fábrica de fibras téxtiles a partir de madeira ou TechMadeira, que impulsará a construción con este material e levará a dixitalización e a innovación ás empresas forestais.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/05/2021