A Xunta inicia a execución dunha senda peonil e ciclista na estrada AC-133, entre Franza e Rilo, no concello de Mugardos

A senda, de 2,5 metros de ancho, executarase pola marxe dereita da vía, do punto quilométrico 7+200 ao 8+550, e pola esquerda, desde o 9+820 ao 9+910

A intervención conta cun orzamento estimado superior aos 465.000 euros e atende ás principais suxestións presentadas ao proxecto inicial

Prolongaranse os novos tramos co itinerario de peóns existente na glorieta do punto quilométrico 8+550, que disporá de novos pasos de peóns

Este novo itinerario facilitará o acceso á piscina pública que dá servizo aos concellos de Mugardos e Ares

A actuación enmárcase no Plan de sendas na comarca de Ferrol, co que a Xunta fomenta os itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta vén de iniciar as obras de construción dunha senda na estrada autonómica AC-133, entre Franza e Rilo, no concello de Mugardos.
Trátase da construción dunha senda de 2,5 metros de ancho para uso de ciclistas non deportivos e peóns paralela a esta estrada autonómica: pola marxe dereita, desde o punto quilométrico 7+200 ao 8+550; e pola marxe esquerda, desde o punto 9+820 ao 9+910.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achega a estas obras un investimento que supera os 465.000 euros, tras incorporar o presente proxecto varias das alegacións e suxestións presentadas ao mesmo.
Este novo itinerario facilitará o acceso á piscina pública que dá servizo aos concellos de Mugardos e Ares.

O proxecto prevé a diferenciación de pavimento en función de se a senda percorre terreo máis urbanizado ou rústico e na súa execución téñense en conta elementos como peches de terreos edificados, poste de liñas eléctricas de media tensión e a rede de drenaxe existente.

A intervención compleméntase coa ampliación do paso peonil no entorno do punto quilométrico 9+900 para solucionar o estreitamento na actual beirarrúa existente.
Con respecto ás melloras que incorpora o proxecto, cabe destacar a prolongación dos itinerarios ata entroncar co existente no entorno da glorieta situada no punto quilométrico 8+550 da AC-133, dispoñendo novos pasos de peóns coa correspondente sinalización.

Tamén se reformará a pendente lonxitudinal da senda á altura do punto quilométrico 7+760, co fin de que teña unha pendente máxima do 6%.
Ademais reporase un treito de colector de saneamento na zona de execución dun novo muro entre os puntos quilométricos 9+820 e 9+910.

A actuación forma parte do Plan de sendas de Galicia na comarca de Ferrol co que a Xunta promove a construción de sendas seguras, sustentables e integradas na paisaxe. A execución destas actuacións está cofinanciada con fondos FEDER 2014/2020.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/05/2021