O Sergas ofrece o vindeiro martes a sexta sesión do ciclo de conferencias sobre benestar emocional dirixidas aos profesionais da sanidade

Sandra Izaguirre García, psicóloga experta en emerxencias, será a encargada de impartir a conferencia titulada “Permitirnos parar”

A iniciativa, á que están invitados os 44.000 traballadores do Sergas e entidades adscritas, enmárcase dentro do Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Sergas na pandemia da covid-19

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2021

O Servizo Galego de Saúde ofertará, o vindeiro martes, día 18, unha nova conferencia dentro do ciclo que está a impartir para coidar o benestar emocional dos seus traballadores. Nesta ocasión, a encargada da conferencia, que leva por título “Permitirnos parar”, será Sandra Izaguirre García, psicóloga habilitada para o exercicio de actividades sanitarias e experta en emerxencias. Ademais, é membro do GIPCE (Grupo de Intervención en Catástrofes e Emerxencias) e instrutora de mindfulness infanto-xuvenil e adultos.

Nesta sesión, daranse as claves para saír do “piloto automático” da nosa vida diaria e iniciar na práctica básica de mindfulness de atención na respiración. Comezarase a practicar unha atención consciente e observadora. Atención ao mundo interior (pensamentos, emocións, o corpo), atención cara o mundo exterior (familia, amizades, traballo, a sociedade, o mundo) e atención cara ás reaccións automáticas ao stress, a tensión, o que nos agrada e as situacións que nos producen desagrado.

Con esta sesión, xa son seis as impartidas no ciclo “Coidando o noso benestar emocial”, realizado en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e enmarcado dentro do Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Sergas na pandemia da covid-19, e que foi posto en marcha pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do departamento sanitario galego. Están invitados a participar os 44.000 traballadores do Sergas e entidades adscritas.

As conferencias teñen lugar ás 18.30 da tarde do primeiro e o terceiro martes de cada mes, entre os meses de marzo e xullo. Emítense en directo na canle de Youtube da Axencia de Coñecemento en Saúde a través da súa web https://acis.sergas.es/ Logo de ser emitidas quedan gravadas e dispoñibles para todo o persoal do Servizo Galego de Saúde nunha sección específica na Aula virtual de ACIS.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 14/05/2021