O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou os hangares do Polo Aeroespacial de Galicia, no aeródromo de Rozas

A Xunta aprobará no Consello no vindeiro xoves o Plan Estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025

Conde asegura que será a folla de ruta a seguir para atraer investimentos e consolidar o ecosistema de innovación e de empresas que Galicia xa leva forxado en torno a este sector

Subliña que coa urbanización da primeira fase do Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas e os dous hangares de Indra e Babcock se está poñendo á disposición da comunidade científica e empresarial unhas instalacións únicas, avanzadas e de vangarda para desenvolver novos proxectos de base tecnolóxica no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados

Lembra que o Polo Aeroespacial de Galicia é un proxecto tractor e estratéxico na candidatura galega aos fondos Next Generation para o que a Xunta espera mobilizar máis de 500M€

Destaca que, desde que en 2015 se puxo en marcha esta iniciativa, xa mobilizou dez veces máis do investimento previsto, 164M€ en total, coa participación de 937 profesionais

Castro de Rei (Lugo), 18 maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, adiantou hoxe que o Consello da Xunta do vindeiro xoves aprobará o Plan estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia para os vindeiros cinco anos. Segundo dixo, será a folla de ruta a seguir para atraer investimentos e consolidar o ecosistema de innovación e de empresas que Galicia xa leva forxado en torno a este sector.

Nunha visita aos hangares que Indra e Babcock construíron no aeródromo de Rozas (Castro de Rei), Conde subliñou que, con esta infraestrutura e coa urbanización da primeira fase do Parque Tecnolóxico e Industrial, se está poñendo á disposición da comunidade científica e empresarial unhas instalacións únicas, avanzadas e de vangarda para desenvolver novos proxectos de base tecnolóxica no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados. Actualmente están urbanizados máis de 31.400 metros cadrados dos que máis de 7.100 son parcelas para empresas, cun investimento que suma 4,5 millóns de euros en total, incluídos os dous hangares.

O vicepresidente económico apuntou que toda esta infraestrutura constitúe un ecosistema orientado á I+D+i ao que tamén contribúe o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) que, neste momento, conta cunhas instalacións pioneiras en Europa para a realización de ensaios certificados e para a investigación con vehículos aéreos non tripulados; por exemplo, a torre de control tecnoloxicamente máis avanzada de España.

Coa aprobación do Plan Estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia trátase de dar continuidade ao traballo realizado desde que en 2015 se puxo en marcha esta iniciativa, que xa mobilizou dez veces máis do investimento previsto, 164 millóns de euros en total, coa participación de 937 profesionais. De feito, lembrou que o Polo Aeroespacial de Galicia é un proxecto tractor e estratéxico na candidatura galega aos fondos Next Generation para o que a Xunta espera mobilizar máis de 500 millóns de euros.

Agora, de cara ao horizonte de 2025 e co aliciente que supoñen os fondos europeos, a vista estará posta en catro obxectivos: convertir o Polo Aeroespacial de Galicia en epicentro da I+D+i aeroespacial na Comunidade; mellorar a eficiencia e a eficacia dos servizos públicos mediante o uso de aeronaves non tripuladas; xerar capacidades e coñecemento científico básico; e posicionar Galicia e España como un actor global no sector.

Conde concluíu aseverando que Galicia está sabendo posicionarse e que soubo ver con antelación o potencial de crecemento deste sector. E puxo o Polo Aeroespacial de Galicia como exemplo de colaboración público-privada e do alcance que pode adquirir un proxecto cando nel intervén a Administración da man do tecido empresarial.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/05/2021