A Xunta anuncia a data do exame para cubrir 341 prazas do corpo auxiliar C2 ao que concorrerán máis de 10.000 aspirantes

As probas celebraranse o 20 de xuño segundo expuxo esta mañá na Comisión 1ª o director xeral da Función Pública, José María Barreiro

Trátase do segundo proceso ao que concorre un maior número de aspirantes

Os exames realizaranse simultaneamente no recinto feiral de Silleda e no IFEVI en Vigo e en quedas sucesivas

As autoridades sanitarias avalan o protocolo covid 19 para a realización das probas con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade
 

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2021

A Xunta vén de anunciar a data do exame para cubrir 341 prazas do Corpo auxiliar C2 ao que están chamados a participar un total de 10.056 aspirantes. As probas celebraranse o vindeiro 20 de xuño de xeito simultáneo no recinto da Feira internacional de Silleda en Pontevedra e no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI).

Así o anunciou esta mañá o director xeral da Función Pública, José María Barreiro na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior onde destacou ademais que, dos procesos selectivos que se viron afectados pola pandemia da covid-19, este é o segundo proceso ao que concorre un maior número de aspirantes.

A Xunta anuncia a data do exame logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos que garanten a súa realización con todas as garantías sanitarias e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

A pandemia do coronavirus e as restricións establecidas para controlar a súa evolución obriga a adaptar as formas e secuencias de celebración das probas para garantir a súa realización coa maior seguridade posible. Neste marco, o exame para o grupo C2 do Corpo Auxiliar/Grupo IV da Xunta realizarase simultaneamente en dúas sedes distintas: o recinto feiral de Silleda e o IFEVI de Vigo. Ademais, o exercicio terá lugar en dúas quendas sucesivas, de mañá e tarde.

Protocolo avalado polas autoridades sanitarias

Todas as probas se realizarán conforme ao protocolo elaborado pola Xunta e avalado polas autoridades sanitarias. Este protocolo establece que só se permitirá o acceso aos edificios aos aspirantes que realicen os exercicios e ao persoal implicado no desenvolvemento das probas polo que os opositores deben acudir soas (salvo no caso de que precisen asistencia).

Terán que presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e gardar en todo momento a distancia de seguridade; será obrigatorio o uso de máscara durante todo o proceso e o emprego de xel hidroalcohólico para entrar nos pavillóns. Os seus obxectos persoais deben ser os mínimos imprescindibles e non se poderá compartir material.

En cada unha das portas onde se desenvolvan as probas sinalaranse claramente os accesos correspondentes o que permitirá a súa visualización desde o exterior co fin de axilizar a identificación do acceso que corresponda a cada aspirante. Ademais, ventilaranse os pavillóns e manteranse as portas abertas durante a realización do exercicio, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable polas correntes de aire ou polo ruído.

Os aspirantes que concorran a estes procesos selectivos poderán consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade no portal corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/05/2021