A Xunta licita por máis de 60.000 euros as obras da rede de augas pluviais no núcleo rural de Calvos, no concello de San Cibrao das Viñas

Executarase unha rede separativa de augas pluviais e fecais, completando así as infraestruturas de saneamento e canalización de augas pluviais neste núcleo

As empresas interesadas no contrato, que ten un prazo de execución de 2 meses, poden presentar as súas ofertas ata o día 21 de xuño

Dotarase das infraestruturas subterráneas necesarias para a correcta evacuación das augas de choiva, así como a posterior reposición dos pavimentos e da capa de rodadura da travesía principal do núcleo de Calvos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia municipal

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta licitou hoxe as obras de construción da rede de augas pluviais no núcleo rural de Calvos, no concello de San Cibrao das Viñas.

A Plataforma de contratos públicos de Galicia recolle a licitación destes traballos cun investimento autonómico de máis de 60.000 euros. As empresas interesadas en executar as obras teñen de prazo ata o día 21 de xuño para presentar as súas ofertas. O prazo de execución dos traballos é de 2 meses.

O obxectivo do contrato impulsado polo departamento que dirixe Ethel Vázquez consiste na execución dunha rede separativa de augas pluviais e fecais, completando así as infraestruturas básicas de saneamento e canalización de augas pluviais no citado núcleo rural, mellorando os servizos e condicións de vida da súa poboación.

Esta actuación poderá ser susceptible de financiamento da Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19.

As obras obxecto do contrato

O proxecto comprende unha serie de actuacións destinadas á dotación das infraestruturas subterráneas necesarias para a correcta evacuación das augas de choiva, así como a posterior reposición dos pavimentos e o acondicionamento da capa de rodadura da travesía principal do núcleo rural de Calvos.

Nas actuacións destaca a separación das redes de saneamento e de pluviais. Actualmente, non existe recollida separativa das augas pluviais e augas residuais domésticas, que se canalizan nunha mesma tubaxe, ocasionando falta de eficiencia na depuradora, que non funciona adecuadamente cando hai unha achega de augas pluviais importante.

Para dispoñer dunha rede separativa de augas residuais, cuxo trazado discorrerá pola travesía principal do núcleo rural de Calvos, colocarase unha tubaxe independente para as augas pluviais, quedando a tubaxe actual para a recollida de augas residuais domésticas exclusivamente.

Para a recollida de augas pluviais construirase unha canaleta con reixa de 5 metros de lonxitude e 5 sumidoiros, tamén con reixa; elementos que se sumarán ao conxunto de sumidoiros xa existentes na actualidade.

Para a condución das augas pluviais colocaranse 424 metros de tubaxe, enterrada a unha profundidade mínima de 1 metro e repartidos en dous ramais, un principal de 403 metros de lonxitude, e un secundario de 21 metros. Inclúese tamén a construción dun total de 12 pozos de rexistro nos puntos de cambio de dirección da tubaxe.

A intervención prevé, tamén, a reposición dun total de 11 acometidas particulares a vivendas desde a nova rede de pluviais.

Unha vez executadas as obras, as augas de escorrentía recolleranse nunha rede separativa sen incorporación doutros efluentes procedentes do saneamento antes da vertedura.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

Data de actualización: 19/05/2021