Igualdade resalta o peso das mulleres traballadoras autónomas no entorno social e económico da provincia de Lugo

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe en Santiago de Compostela un encontro coa presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU), Beatriz Varela Regueira, que aproveitaron para por en valor o relevante papel da muller no autoemprego nesta provincia e no resto da Comunidade.

Na xuntanza abordáronse os plans que a Xunta ten en marcha para fomentar o emprendemento feminino, en especial a nova edición do programa Emega, que se convocará nas próximas semanas, e que en 2021 será reforzado para apoiar a máis mulleres na súa iniciativa empresarial.

López Abella destacou o crecemento do autoemprego e das iniciativas empresariais sustentadas por mulleres na provincia de Lugo e no conxunto da Comunidade. De feito, segundo datos actualizados en abril de 2021, Galicia é a autonomía con maior porcentaxe de autónomas, un 40,92%. A media estatal é do 35,88%, máis de 5 puntos por debaixo.

Tal e como lembrou López Abella, un dos obxectivos estratéxicos do Goberno galego pasa por fomentar a participación das mulleres en condicións de igualdade en todas as esferas e potenciar o seu liderado. Iniciativas como os premios Son Muller, que promove a AELU, converxen con estas ideas de promover, visibilizar e potenciar a participación das mulleres no entorno económico e social.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/05/2021