Ethel Vázquez salienta o investimento de máis de 900.000 euros na senda de Parderrubias, que estará rematada este ano e suporá unha mellora importante da seguridade dos veciños

Vázquez Mourelle indica que a obra, que comezou hai 15 días, consiste na construción dun itinerario de algo máis de 2 km na estrada autonómica PO-411

Executaranse 3 treitos de senda, comezando pola marxe dereita no viario de acceso ao IES Pedras Rubias, para continuar ata Salceda pola marxe esquerda, nun treito de 1,7 km, volvendo á marxe dereita nos últimos 300 metros

Disporase un paso de peóns sobreelevado para facilitar o cruce da estrada, ampliarase o paso sobre o regato de Landres, melloraranse as interseccións e os accesos ás vivendas e trasladarase unha marquesiña

A actuación culmina os itinerarios previstos inicialmente no Plan de sendas da comarca de Vigo, que supoñen un investimento autonómico de preto de 6 M€
 

Salceda de Caselas (Pontevedra), 24 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe o investimento de máis de 900.000 euros na senda de Parderrubias, que estará rematada este ano e suporá unha mellora importante da seguridade viaria dos veciños.

Vázquez Mourelle desprazouse hoxe á zona das obras para supervisar os traballos da nova senda na estrada autonómica PO-411, que une Páramos e Salceda, no treito comprendido entre o acceso ao IES Pedras Rubias, na travesía de Parderrubias e a travesía de Salceda de Caselas, tras o paso sobre outra estrada autonómica, a PO-510.

Explicou que as obras, que comezaron hai 15 días e teñen un prazo de execución de 6 meses, consisten na construción dun novo itinerario, de algo máis de 2 km de lonxitude, e un ancho que oscila entre o 1,80 e os 2,30 metros, en función do espazo dispoñible ao carón da estrada.

A titular do departamento de Infraestruturas e Mobilidade indicou que, coa fin de favorecer os desprazamentos cotiáns dos veciños e os rapaces que se achegan cada día a estudar ao IES Pedras Rubias executaranse 3 treitos de senda, que irán alternándose por ambas as marxes da estrada.

Detallou que o itinerario comeza pola marxe dereita no viario de acceso ao IES Pedras Rubias, para mellorar a entrada ao centro escolar. Desde o acceso ao instituto e ata Salceda a senda descorrerá pola marxe esquerda, ao longo dun treito de 1,7 km, para volver á marxe dereita nos últimos metros, en aproximadamente 300 metros.

No marco das obras tamén se vai a dispoñer un paso de peóns sobreelevado, para facilitar o cruce da estrada en condicións de seguridade e ampliarase o paso sobre o regato de Landres, garantindo o ancho suficiente para o tránsito.

Tamén se mellorarán as interseccións e os accesos ás vivendas, que se farán na mesma cor que a senda para darlle continuidade e unha imaxe unitaria e trasladarase unha marquesiña, coa fin de gañar en funcionalidade e seguridade. Ademais, reporanse treitos da rede de saneamento, para garantir o seu correcto funcionamento e minimizar posibles afeccións nun futuro á senda.

Ethel Vázquez indicou que desde o inicio das obras o pasado 10 de maio, froito do dialogado co Concello e os veciños, realizáronse os traballos de replanteo, ocupación e agora xa con maquinaria na zona.

Subliñou a importancia deste itinerario en si mesmo, polo que supón para a mellora da mobilidade e da seguridade viaria, pero tamén porque supón un fito para a Xunta, xa que con esta actuación culmínanse os itinerarios previstos inicialmente no Plan de sendas da comarca de Vigo, actuacións cofinanciadas con fondos FEDER 2014/2020.

A conselleira puxo en valor o traballo de planificación da Xunta, que pasou do papel e fíxose realidade, xa que os outros 8 itinerarios previstos están xa rematados. Con este plan a Xunta pon á disposición dos veciños da comarca de Vigo máis de 12 km de sendas cun investimento de preto de 6 M€, “contribuíndo a unha Galicia máis verde e tamén máis sustentable”, remarcou.

Vázquez Mourelle asegurou que o departamento que dirixe seguirá co traballo para reforzar a seguridade e mellorar as vías autonómicas da comarca. Aquí citou as obras de reforzo do firme que se van a levar a cabo na PO-510 e PO-400 no Porriño, Salvaterra de Miño e Salceda, que se atopan en contratación, e que está previsto acometer este ano, cun investimento de case 1 M€.

Finalmente, tamén se referiu a outra medida do seu departamento: a extensión da gratuidade para os menores de 21 anos no transporte da Xunta en toda Galicia. Así, dixo, os menores de 21 anos de Salceda, que xa viaxaban gratis na área de transporte de Vigo, viaxarán de balde tamén nos 313 concellos da Comunidade.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/05/2021