Mañá abre o prazo de solicitude das axudas da Xunta para o fomento das renovables en empresas, entidades sen ánimo de lucro e administracións locais

A nova convocatoria, de concorrencia competitiva, conta cun orzamento de 2,65 millóns de euros e ofrece axudas para instalacións de biomasa, xeotermia, aerotermia e solar térmica

Permitirá mobilizar 4,5M€, aforros anuais de 500.000 euros e de 1,25 millóns de litros de gasóleo e unha redución das emisións de CO2 equivalente á plantación de 185.000 árbores

A Xunta compromete este ano un total de 14,25M€ ás convocatorias de enerxías renovables destinadas tanto aos cidadáns, como ás empresas, entidades sen ánimo de lucro, administracións locais e sector agrícola primario

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria para fomentar proxectos de aforro enerxético a través das enerxías renovables coas que as empresas, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas locais poderán aforrar ao redor de 500.000 euros anuais nas súas facturas. Os interesados poderán presentar as solicitudes desde mañá, 26 de maio, e contarán cun mes de prazo.

Esta liña da vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é de concorrencia competitiva e conta cun orzamento de 2,65M€ que contribuirá ao aforro enerxético pero tamén á reactivación da economía galega e da competitividade empresarial. Apoiará a instalación de proxectos de biomasa tanto en empresas como para autónomos, entidades sen ánimo de lucro e concellos; e iniciativas de xeotermia, aerotermia e solar térmica no tecido empresarial, incluído o colectivo autónomo. A contía das axudas será dun 80% para as administracións e entidades; e dunha media do 60% para as empresas e autónomos cun máximo de 250.000 euros por proxecto.

Grazas a estes apoios, está previsto mobilizar ao redor de 4,5M€ no sector; acadar aforros anuais de 1,25 millóns de litros de gasóleo; e reducir en 3700 toneladas de CO2 ao ano as emisións, o equivalente á plantación de 185.000 árbores. A Xunta segue apostando, deste xeito, por fomentar o uso de enerxías renovables para impulsar a mellora ambiental e da calidade de vida dos galegos e galegas. As axudas contribuirán, ademais, á creación de emprego e a aposta pola biomasa permitirá reducir os custos enerxéticos dos beneficiarios, polo que sumarán no obxectivo de impulsar a reactivación económica e a competitividade empresarial.

A Xunta aprobou na última convocatoria axudas para desenvolver un total de 148 iniciativas. En concreto, concedéronse 56 para proxectos de biomasa en concellos por un importe de algo máis de 941.000 euros; 25 para iniciativas de biomasa en empresas e para autónomos por 329.000 euros; e 7 actuacións de biomasa en entidades sen fins de lucro por 321.000 euros. Ademais de diversos proxectos de empresas e autónomos: 47 de aerotermia (preto de 515.000 euros), 9 propostas de xeotermia (287.000 euros) e 4 de solar térmica (case 32.000 euros).

Galicia mantén, deste xeito, o seu compromiso cunha Galicia máis verde, a través de apoios que buscan fomentar o uso das enerxías renovables e unha maior eficiencia enerxética, tanto no eido dos fogares galegos como das administracións, empresas e entidades sen ánimo de lucro. De feito, este ano destinará 14,25M€ a impulsar proxectos de enerxías renovables a través de diferentes convocatorias para particulares, empresas, autónomos, entidades sen ánimo de lucro, concellos e sector agrícola primario.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/05/2021