A Xunta destina 650.000€ en axudas a 86 establecementos de hostalaría das bisbarras de Pontevedra e Caldas para acondicionar as terrazas e favorecer as vendas a domicilio

O delegado territorial, Luis López, informou destas achegas, orientadas a dar a máxima seguridade sanitaria e favorecer o impulso do sector, nunha visita realizada este mediodía a El Cafetín de Pontevedra

Estas subvencións están destinadas a instalacións de peches, compra de mobiliario, adaptación de espazos exteriores e adquisición de envases e o seu orzamento cuadriplicouse ata alcanzar os 11 millóns de euros en toda Galicia

O Goberno galego aprobou achegas a 48 locais da cidade de Pontevedra, que recibirán axudas por valor de 321.000 euros

Pontevedra, 26 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, vén de informar hoxe que o Goberno galego acaba de aprobar axudas por importe de máis de 650.000 euros para 86 establecementos de hostalaría das bisbarras de Terras de Pontevedra e Caldas para o acondicionamento de terrazas e o impulso das vendas a domicilio no marco das medidas paliativas para o sector fronte á crise sanitaria da covid-19.

O representante autonómico revelou as achegas nunha visita a El Cafetín de Pontevedra, emprazado na alameda da capital provincial, que é un dos beneficiarios desta orde de axudas, coa que se pretende dotar da máxima seguridade á hostalaría, xa que a mesma está orientada á instalación, reforma e pechamento de terrazas, compra de mobiliario, adaptación de espazos exteriores e adquisición de elementos de envasado para o servizo a domicilio.

No que se refire á cidade de Pontevedra, a Xunta aprobou achegas para un total de 48 establecementos, que investirán 402.013 euros nestas iniciativas coa seguinte distribución: 206.000 euros para pechamento de terrazas, 109.000 euros para adecuación destes espazos exteriores e 86.000 euros para envases e materiais de envío de pedidos a domicilio. Para elo, recibirán axudas por un importe total de 321.612 euros da Xunta de Galicia, o que supón un cofinanciamento do 80%.

Deste xeito, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación impulsou estas tres liñas, que incluían apoios de entre 1.500 e 25.000 euros para pemes e autónomos con ata 50 traballadores.

“Esta medida, de gran importancia xa que axuda a conferir seguridade sanitaria aos establecementos e a impulsar as súas vendas, tanto no local como a domicilio, nun momento especialmente complicado pola covid-19, espertou un gran interese e moita demanda por parte do sector da hostalaría, especialmente da cidade de Pontevedra e da bisbarra do Salnés, o que demostra que as liñas da Xunta están indo en consonancia coas necesidades desta actividade económica”, explicou Luis López, que revelou que inicialmente orzamentouse unha partida de 3 millons de euros para estas achegas pero, ante a elevada cifra de solicitudes, tivo que cuadriplicar o seu crédito ata alcanzar os 11 millóns.

A distribución de achegas nas bisbarras de Terras de Pontevedra e Caldas é a seguinte:

 
Concello
Nº Beneficiarios
Investimentos
Axudas da Xunta
Pontevedra
48
402.013€
321.612€
Poio
11
102.099€
81.709€
Vilaboa
6
82.018€
65.614€
Ponte Caldelas
4
44.340€
35.472€
Barro
1
3.930€
3.144€
Caldas de Reis
5
46.339€
32.071€
Catoira
4
49.494€
35.595€
Cuntis
3
29.863€
23.891€
Valga
2
24.559€
19.647€
Pontecesures
2
28.997€
23.198€
TOTAL
86
813.650€
650.920€


Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/05/2021