A Xunta investirá 300.000€ en melloras no colexio e no instituto de Valga, de acordo co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade visitou o centro plurilingüe de Baño-Xanza, onde o seu departamento vai executar obras

Tamén está previsto actuar na cuberta da pista polideportiva do instituto de Secundaria, cun orzamento inicial de arredor de 250.000 euros

Román Rodríguez fixo fincapé na especial atención que o Plan presta a este tipo de zonas escolares, xa que son espazos polivalentes para o lecer que se poden empregar como complementarios de docencia e tamén abrilos á comunidade

Valga (Pontevedra), 27 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia vai acometer obras de mellora no colexio CEIP Baño-Xanza e no instituto de Valga, por un importe estimado de arredor de 300.000 euros, unhas intervencións que se levarán a cabo seguindo os criterios establecidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que a partir de agora rexerán para todas as actuacións a realizar nos centros educativos galegos.

Así o sinalou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, durante unha visita ao colexio de Baño-Xanza, onde explicou que o próximo mes de xuño se iniciarán unhas obras de mellora que atinxen principalmente ao acondicionamento dun espazo para circulación e acceso cuberto ao centro educativo, para o cal o seu departamento vén de encargar o proxecto, por un importe de 48.400 euros. Así mesmo está encargado outro proxecto de actuación -cun investimento estimado de 250.000 euros- no instituto de Valga, no que se vai cubrir a pista polideportiva como continuación da cubrición de gradas que se fixo o ano pasado.

Román Rodríguez especificou que ambas obras se van a desenvolver baixo os requisitos marcados no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que supón “un cambio de paradigma no deseño dos centros escolares do futuro cunha arquitectura ao servizo dos proxectos educativos”.

Patios polivalentes

O conselleiro subliñou que este Plan presta unha especial atención aos patios “como espazos onde se combinan as actividades de lecer coas educativas e que, polo tanto, a partir de agora deberán cumprir coas condicións axeitadas para cumprir coas súas funcións”.

Segundo explicou, o obxectivo da Consellería é reforzar o seu uso “como espazos complementarios de docencia, cunhas condicións axeitadas de ventilación e distanciamento”, así como prever o seu aproveitamento fóra do horario escolar para outras actividades “na liña do fomento dunha escola aberta”.

No que atinxe á mellora da cuberta do colexio Baño-Xanza, o proxecto -que acaba de encargar a Consellería- abrangue a colocación dunha cuberta con estrutura metálica e panel sandwich e o acondicionamento do espazo mediante a limpeza e arranxo da fachada, a apertura de ocos, a instalación eléctrica, a instalación de pavimento vinílico e falso teito e a pintura das paredes.

Ademais, colocarase pavimento de linóleo e laminado nas aulas, substituirase a porta de entrada ao centro por outra nova, renovarase a varanda da entrada e limparanse e arranxaranse o resto das varandas do centro.

Instalacións renovadas

Está previsto que as obras dean comezo o vindeiro mes de xuño co obxectivo de que en xullo xa estean rematadas. Así pois, con estas obras complementarias que se engaden á rehabilitación integral do edificio acometida o ano pasado e que supuxo un investimento de más de 850.000 euros, a comunidade educativa do Baño-Xanza contará cunha infraestrutura educativa renovada, máis sostible desde o punto de vista ambiental e máis confortable.

Por outra banda, tamén se atopa en fase de redacción do proxecto unha actuación de mellora do instituto de Valga, por un importe estimado de 250.000 euros. Neste caso, á espera de que o proxecto técnico concrete as actuacións pormenorizadas a levar a cabo, en xeral a obra abranguerá a renovación da cuberta da pista polideportiva.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/05/2021