A Xunta e a Comisión Europea debaten sobre a posta en marcha do pacto verde no ciclo de encontros da Fundación Galicia Europa

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou esta semana o ciclo de encontros virtuais” FGE, Next Generation Galicia”, no que destacou o papel dos entes rexionais na posta en marcha e avaliación das iniciativas contempladas no Pacto Verde

Durante o encontro, unha ampla representación da Xunta puido profundar en todos os aspectos relativos ao Pacto Verde Europeo, considerado un dos piares da recuperación da UE
 

Bruxelas, 27 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou esta semana o quinto encontro virtual do ciclo FGE | Next Generation Galicia, da Fundación Galicia Europa, moderado pola directora da oficina desta entidade en Bruxelas, Ana Ramos.

Nesta ocasión, unha ampla representación da Xunta puido profundar, da man do responsable de políticas na Dirección Xeral de Acción polo Clima da Comisión Europea, Manuel Carmona Yebra, en todos os aspectos relativos ao Pacto Verde Europeo, considerado un dos piares da recuperación da Unión.

Durante a súa intervención, Gamallo quixo destacar o papel que os entes rexionais e locais desempeñarán na posta en marcha e na avaliación das numerosas iniciativas contempladas no Pacto Verde. Neste sentido, recordou, por unha banda, que a Xunta leva promovendo e apoiando desde 2017, en calidade de coordinadora, a adhesión dos concellos galegos ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía, un movemento ao que xa se sumaron na Comunidade un total de 271 entidades locais; e, por outra banda, a recente adhesión da Fundación Galicia Europa ao Pacto Europeo polo Clima, coa que a entidade se compromete a fomentar o debate sobre o Pacto Verde e sobre a acción climática, dentro das súas actividades de información, formación e sensibilización sobre cuestión europeas de relevancia.

O Pacto Verde Europeo establece unha nova estratexia de crecemento destinada a transformar a UE nunha sociedade equitativa e próspera, que mellore a calidade de vida das xeracións presentes e vindeiras, cunha economía eficiente en recursos e competitiva, na que non haberá emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050 e na que o crecemento económico estará disociado do uso de recursos. Configúrase, ademais, como un elemento clave na recuperación tras a crise sanitaria, dado que o 30% dos fondos da UE, tendo en conta tanto o orzamento a longo prazo como o instrumento temporal de recuperación Next Generation EU, terán que ser destinados á loita contra o cambio climático.

Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta aprobou a finais do ano 2019 a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 como a folla de ruta a seguir para que a Comunidade forme parte activa da solución ao quecemento global e avance cara ao obxectivo da neutralidade climática. De feito, hai dúas semanas a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda levou ao Consello da Xunta un informe de seguimento de execución da Estratexia que conclúe que a redución das emisións na Comunidade se acelerou no último ano e converxe coa media europea.

Ciclo de encontros virtuais Xunta-UE da FGE
Primeiro baixo o nome de Galicia na recuperación económica da UE e agora como “FGE | Next Generation Galicia”, o ciclo de encontros virtuais da FGE tratou, desde a súa posta en marcha en setembro de 2020, numerosos temas de relevancia para Galicia como a transición verde, a Estratexia Industrial para Europa ou a futura política de cohesión 2021-2027. Nestes encontros participan responsables políticos e técnicos dos departamentos da Xunta e da Comisión Europea. Co cambio de nome, a FGE quere subliñar o rol que está a desempeñar para dar apoio técnico á comisión Next Generation Galicia, creada polo Goberno galego para identificar proxectos susceptibles de ser financiados polo instrumento europeo de recuperación NextGeneration EU.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/05/2021