A economía galega baixou no 1º trimestre por mor da covid-19 un 2,9%, 1,4 puntos menos que a media española

Ademais, o comportamento do PIB galego mellorou 4,7 puntos con respecto á taxa interanual do cuarto trimestre de 2020

En canto á evolución trimestral, a economía galega rexistrou unha taxa do 0,0%

O IGE publica hoxe os datos de contabilidade trimestral referentes ao primeiro trimestre de 2021
 

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2021

A economía galega baixou no primeiro trimestre do ano por mor da covid-19 un 2,9%, un descenso que é 1,4 puntos inferior ao avanzado polo Instituto Nacional de Estadística (INE) para España (-4,3%). Ademais, o comportamento do PIB galego mellorou 4,7 puntos con respecto á taxa interanual rexistrada no cuarto trimestre de 2020. O Instituto Galego de Estatística (IGE) publica hoxe os datos de contabilidade trimestral referentes ao primeiro trimestre de 2021.

En canto á taxa trimestral –é dicir, a evolución da economía en comparación co cuarto trimestre do ano 2020-, o IGE estima que o PIB galego rexistrou unha variación do 0,0% mentres que a economía española baixou no mesmo período un -0,5%, segundo a estimación realizada polo INE.

Desde o punto de vista da demanda, no primeiro trimestre do ano o gasto en consumo final baixou un 3,5% e a formación bruta de capital diminuíu un 1,0%. En canto á demanda externa, as exportacións de bens e servizos medraron un 4,8% e as importacións de bens e servizos incrementáronse un 4,7%.

Sectores

No que respecta á oferta, a industria foi o único sector que rexistrou crecemento, cun crecemento do 1,2% sobre o primeiro trimestre de 2020. Pola contra, o sector da construción retrocedeu un 6,3%, os servizos diminuíron un 3,4%, e o sector primario (agricultura, silvicultura, gandería e pesca) descendeu un 3,1%.

Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego -medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- diminuíu un 0,7% no primeiro trimestre deste ano, aínda que destaca a subida do 2,4% no sector da construción.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/05/2021