A Xunta remítelle ao concello de Ferrol o convenio para executar o colector interceptor da marxe esquerda do río Sardiña, que suporá un investimento de 900.000 euros

O Goberno galego propón achegar o 70% do financiamento das obras, que teñen un prazo de execución de 6 meses

A actuación permitirá a conexión da rede secundaria da marxe esquerda do río Sardiña ao colector xeral e a eliminación do punto de vertedura

O proxecto divídese en 2 actuacións diferenciadas, dunha banda a execución do colector xeral do río Sardiña e, da outra, a construción do ramal secundario

A Xunta mantén a aposta pola colaboración entre as administracións, apoiando aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local
 

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, remitiulle ao Concello de Ferrol o convenio de colaboración para executar o colector interceptor da marxe esquerda do río Sardiña e completar así o saneamento da Malata, cun investimento de 900.000 euros.

Mediante a proposta de colaboración, desde Augas de Galicia proponse desenvolver o proxecto de execución do colector interceptor da marxe esquerda do río Sardiña, tramo A Malata-Ponte da estrada da Malata. As obras proxectadas contan cun prazo de execución de 6 meses.

Segundo recolle o texto da proposta do convenio trasladado pola Administración autonómica, a Xunta apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando a actuación co 70% do importe, unha achega de 630.000 euros. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras ata completar a súa finalización e formalizar os correspondentes actos de recepción.

Pola súa banda, o Concello de Ferrol contribuirá ao financiamento das actuacións, cun investimento de 270.000 euros, comprometéndose a someter o proxecto das obras a información pública, así como a pór á disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións. Tamén asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Augas de Galicia prevé cofinanciar esta actuación no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

A intervención proxectada por Augas de Galicia complementa as obras de saneamento da ría de Ferrol, nas que a Xunta vén de investir máis de 7 millóns de euros para continuar o interceptor xeral da Gándara desde A Malata ata A Graña coa fin de levar as augas residuais á depuradora de Cabo Prioriño.

Actuacións a executar

Na actualidade o conector xeral da conca do río Sardiña presenta unha capacidade hidráulica insuficiente, o que orixina que en tempo de choiva se xeren vertidos de augas residuais a leito do río Sardiña, tanto a través dos colectores xerais como da rede secundaria.

Para resolver a recollida das augas residuais na conca do río Sardiña, proxéctase o desenvolvendo do ramal A Malata-Ponte da estrada da Malata e as actuacións necesarias para a conexión da rede secundaria da marxe esquerda do río ao colector xeral para a eliminación do punto de vertedura directa a leito existente.

Deste xeito, o proxecto divídese en 2 actuacións claramente diferenciadas, dunha banda a execución do colector xeral do río Sardiña e, da outra, a construción do ramal secundario.

Así, prevese a execución dun colector xeral de funcionamento por gravidade, cunha lonxitude de tubaxe de 574 metros, con 13 pozos prefabricados estancos. O mesmo descargará no pozo do interceptor do marxe norte da ría de Ferrol.

Tamén se construirá o ramal do colector secundario de funcionamento por gravidade, formado por tubaxe, nunha lonxitude de 120 metros, con 7 pozos estancos prefabricados en PVC. O último pozo terá un alivio ao río Sardiña para evacuar excesos de caudal en tempo de choiva.

Coa rede proxectada, servirase unha poboación de 1.355 habitantes para o ano horizonte 2045.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez mantén a aposta pola colaboración entre as administracións, así como o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.
 

Data de actualización: 28/05/2021