Máis de 1.600 empregados públicos están chamados a participar o 3 de xullo nas oposicións para lograr un ascenso ou cambio de categoría

As probas para acceder a 420 prazas dos corpos A1, A2, C1 e C2 celebraranse no recinto feiral de Silleda

Estes procesos selectivos de promoción interna facilitan a progresión profesional do traballador e a conciliación da súa vida familiar e laboral

As autoridades sanitarias avalan o protocolo covid 19 para a realización das probas con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2021

Un total de 1.657 empregados públicos están chamados a participar o vindeiro 3 de xullo nas oposicións para lograr un ascenso ou cambio de categoría, co obxectivo de facilitar a súa progresión profesional e a conciliación da súa vida familiar e laboral. As probas para acceder a 420 prazas dos grupos A1, A2, C1 e C2 celebraranse no recinto da Feira internacional de Silleda en Pontevedra.

Os procesos selectivos de promoción interna están reservados a empregados públicos que xa teñen praza na Administración, e que queren acceder a un posto de maior categoría ou que se adapta mellor ás súas preferencias sempre que as persoas aspirantes reúnan os requisitos e superen a correspondente oposición. Con estes procesos selectivos, a Xunta de Galicia garante o dereito dos empregados públicos á súa promoción profesional.

A Xunta anuncia a data do exame logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos que garanten a súa realización con todas as garantías sanitarias e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

A pandemia do coronavirus e as restricións establecidas para controlar a súa evolución obriga a adaptar as formas e secuencias de celebración das probas para garantir a súa realización coa maior seguridade posible.

O sábado 3 de xullo pola mañá realizarase o exame para 46 prazas do Corpo superior A1 nas que están chamadas a participar 82 empregados públicos e para 195 prazas do Corpo administrativo C1 con 991 persoas convocadas. A continuación pola tarde, terán lugar as probas para 127 prazas do Corpo de xestión A2 no que están convocados 465 empregados públicos e para 52 prazas do Corpo auxiliar C2 con 119 convocados.

Protocolo avalado polas autoridades sanitarias


Todas as probas se realizarán conforme ao protocolo elaborado pola Xunta e avalado polas autoridades sanitarias. Este protocolo establece que só se permitirá o acceso aos edificios aos aspirantes que realicen os exercicios e ao persoal implicado no desenvolvemento das probas polo que os opositores deben acudir soas (salvo no caso de que precisen asistencia).

Terán que presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e gardar en todo momento a distancia de seguridade; será obrigatorio o uso de máscara durante todo o proceso e o emprego de xel hidroalcohólico para entrar nos pavillóns. Os seus obxectos persoais deben ser os mínimos imprescindibles e non se poderá compartir material.

En cada unha das portas onde se desenvolvan as probas sinalaranse claramente os accesos correspondentes o que permitirá a súa visualización desde o exterior co fin de axilizar a identificación do acceso que corresponda a cada aspirante. Ademais, ventilaranse os pavillóns e manteranse as portas abertas durante a realización do exercicio, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable polas correntes de aire ou polo ruído.

Os aspirantes que concorran a estes procesos selectivos poderán consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade no portal corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 31/05/2021