Un total de 13 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras que completarán a rede de saneamento na parroquia de Pereiras, en Mos, cun investimento de 430.000 euros

O contrato, cun prazo de 4 meses, enmárcase na colaboración da Xunta co Concello para realizar as obras pendentes no norte e en parte do sur da parroquia

Augas de Galicia asume así o seu compromiso de financiar o 75% das obras de saneamento desta parroquia

A rede servirá a unha poboación de 96 habitantes na zona norte e 132 na área sur

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que presten de xeito eficaz o saneamento e abastecemento, de competencia municipal

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2021
Compartir
  • whatsapp

Un total de 13 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras para completar e rematar a rede de saneamento na parroquia de Pereiras, no concello de Mos, que suporán un investimento de 430.000 euros.

Este contrato, cun prazo de execución de 4 meses, enmárcase na colaboración entre a entidade dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Augas de Galicia, e o Concello de Mos, aprobada polo Consello da Xunta o pasado día 15 de abril.

Mediante esta colaboración dáse cumprimento ao acordado co Concello, que en decembro de 2019 executou xa parte da rede de saneamento na zona sur desta parroquia, financiada integramente pola entidade local.

Deste xeito, a Xunta asume o seu compromiso de financiar o 75% as obras de saneamento da parroquia de Pereiras, que serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19.

O concello de Mos pertence ao Consorcio do Louro e dirixe as augas residuais á depuradora de Guillarei. A parroquia de Pereiras divide a rede de saneamento en zona norte e sur, quedando pendente de completar toda a área norte e parte da sur non executada.

Segundo o proxecto redactado por Augas de Galicia, as actuacións que se levarán a cabo para completar a rede de saneamento da parroquia de Pereiras dividiranse en dúas zonas.

Na zona norte proxéctase un colector principal, cunha lonxitude duns 593 metros en PVC 315 mm, e un colector secundario, cunha lonxitude de 178 metros, en tubaxe de PVC 315 mm. Executaranse tamén 35 pozos.

Na zona sur, completarase a intervención coa execución de 1.052 metros de tubaxe de PCV 315 mm e un total de 46 pozos.

Os traballos completaranse coa reposición dos firmes das vías que resulten afectadas.

Unha vez recibidas as obras polo Concello, o Consorcio do Louro asumirá a súa posta en servizo, explotación, mantemento e conservación.

Coa mellora proxectada servirase unha poboación de 96 habitantes na zona norte e 132 habitantes na zona sur.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

Data de actualización: 01/06/2021